martes, 24 de agosto de 2010

Hoxe destacamos a Arsen Fadzayez

Loitador de orixe uzbeco nado en 1962 que acadou dous ouros olímpicos na categoría de menos de 68 kg. Ademais acadou 6 mundiais e 4 europeos sendo o loitador de referencia dende mediados dos 80 ata a Olimpiada do 92.
No ano 1996 xa retirado e desunificada a Unión Soviética, foi quen de clasificar a Uzbekistán para a Olimpiada de Atlanta aínda que con 34 anos non logrou pasar do13º posto.

Hoxe segue a ser unha referencia para os que gustamos da técnica na loita.

Agora podedes desfrutar dalgúns dos seus enfrontamentos:




E aquí o combate no que cae ante Kenny Monday (USA) na final do mundial do 89:

ARCHIVO DAS FOTOS DAS XORNADAS INTERNACIONAIS DE ADESTRAMENTO

Colgamos as seguintes fotos para que os interesados dispoñades deles. Para velas preme aquí: ARCHIVO FOTOS

Antonio Veiga achégase aos adestramentos do club para saudar a Alexis Rodríguez

O delegado de deporte da Deputación de Lugo achegouse onte pola mañá aos adestramentos do club para saudar a Alexis Rodríguez e aos demais participantes das xornadas internacionais de adestramento.
Onte tamén se achegaron ás instalacións do club vilalbés os deportistas do Club de Loita Keltoi de Vila de Cruces dirixidos por Ramón García, unha das figuras máis representativas deste deporte en Galicia tanto como deportistas como por adestrador.
Hoxe finalizan os adestramentos dentro do programa das xornadas internacionais de adestramento e mañá Cuba viaxará para Acerbaijan para ultimar a preparación do mundial de setembro.
Os adestramentos en Vilalba continúan como sempre para dar comezo a pretemporada, e sempre coa esperanza de poder contar coa reincorporación de Alexis Rodríguez en outubro, xa como axudante de adestrador.

No seguinte enlace poderedes contar coa nova publicada na páxina web da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo: http://www.v1deputacionlugo.org/noticias.php?id=559

Nova reportaxe no TerraChaXa sobre a estancia de Alexis Rodríguez en Vilalba

Para ver a nova na edición dixital preme aquí: TERRACHAXA.COM

xoves, 19 de agosto de 2010

ALEXIS RODRÍGUEZ CONSIDERA A POSIBILIDADE DE ESTABRECERSE EN VILALBA

O campión do mundo Alexis Rodríguez amosou o seu interés en estabrecerse en Vilalba para adestrar e axudar a preparación de José Cuba para os próximos Xogos Olímpicos. Alexis resalta que tras os máis de dous anos de estancia en Vitoria descoñecía a existencia dun lugar de adestramento como o noso e sorpréndese da actividade que se desenrola no club a pesares dos recursos limitados, algo que lle fai recordar o traballo na súa Cuba natal. Para él sería unha boa oportunidade de adestrar e prepararse, pois en ningún momento anunciou a súa retirada, e ao mesmo tempo sería a mellor das oportunidades para nós. Contar cun deportista do seu nivel adestrando en Vilalba é unha garantía de vilalbeses olímpicos e dunha Vilalba referencia estatal nesta disciplina.
Por iso dende o club vilalbés comezará unha campaña entre as diferentes administracións para levar a cabo un proxecto de financiamento que nos permita contar cos servizos desta figura mundial en Vilalba, polo menos ate os Xogos Olímpicos do 2012.

Colgamos as seguintes fotos para que os interesados dispoñades delas:




mércores, 18 de agosto de 2010

Hoxe destacamos a Sergey Beloglazov

Loitador ruso nado no 56 que dominou hexemónicamente na categoría de menos de 57 kg  na década dos 80. Cos seus dous ouros olímpicos, seus sete campionatos mundiais e  seis europeos, non hai quen dubide que foi un dos grandes da historia. Hai uns anos estivo en Pontevedra adestrando cun equipo ruso e aínda que agora como adestrador non está a ter o éxito que tivo como deportista, podemos dicir que aqueles que tivemos a oportunidade de traballar e estar con él no tapiz fumos uns auténticos privilexiados.
Deixámosvos con algúns videos dos seus memorábeis enfrontamentos:

martes, 17 de agosto de 2010

Alexis Rodriguez na edición dixital de Galiciahoxe.com

O diario dixital en galego Galiciahoxe.com recolle unha reportaxe sobre a estadía en Vilalba do campión do mundo Cubano.
Para vela preme aquí: GALICIAHOXE.COM

luns, 16 de agosto de 2010

DOUS LOITADORES VILALBESES RECIBEN AS AXUDAS DA FUNDACIÓN DEPORTE GALEGO

Os loitadores vilalbeses José Cuba e Iván Paredes recibirán as axudas da Fundación Deporte Galego destinadas aos deportistas galegos de alto nivel.
A resolución das axudas que se publicou a semana pasada contempla as axudas para 206 deportistas DGAN, e dentre eles moitos loitadores.

Varios loitadores vilalbeses non percibirán as axudas por non axustarse aos prazos e réxime da convocatoria.
Para obter unha información detallada da lista de beneficiarios preme aquí LISTA DAS AXUDAS A DEPORTISTAS DGAN

A DEPUTACIÓN DE LUGO CONCEDE UNHA SUBVENCIÓN PARA AS XORNADAS INTERNACIONAIS DE ADESTRAMENTO

A Deputación Provincial de Lugo concedeu unha axuda de 1.000 euros ao Club de Loitas Olímpicas Vilalba para a realización das Xornadas Internacionais de Adestramento. A través desta actividade os deportistas do club e doutros clubs galegos, teñen a posibilidade de adestrar con algúns dos mellores loitadores do mundo, como  foi o caso do ukraniano Sergey Priadun no mes de Xuño ou como está a acontecer estes días co loitador cubano Alexis Rodríguez.
As xornadas de adestramento están abertas a tódolos clubs galegos e non se descarta a presenza doutros loitadores convidados xa no mes de Outubro.
As axudas do area de deportes da  entidade provincial tamén se estederon ao Club de Loita Rábade e a propia Federación Galega de Loita para a organización das súas actividades deportivas na provincia.

venres, 13 de agosto de 2010

ALEXIS RODRIGUEZ NAS XORNADAS INTERNACIONAIS DE ADESTRAMENTO DE VILALBA

Así é, están a leer correctamente: Alexis Rodríguez está a adestrar en Vilalba. O campión mundial do 98 e bronce na Olimpiada de Sidney na categoría 120 kg comparte os seus segredos cos deportistas do club vilalbés.
Alexis, unha referencia a nivel mundial e un dos loitadores máis repectados por todos os que practican as loitas olímpicas, acedeu a traballar intensivamente con Jose Cuba durante o mes de Agosto para axudarlle a preparar o próximo mundial de Setembro. En adestramentos de mañá e tarde, o vilalbés permanece pegado ao cubano tentando empaparse dos seus coñecementos e experiencia, experiencia que levouno a conquerir ademais dos resultados xa mencionados unha copa do mundo, 4 pratas en mundiais e moitos panamericanos e torneos mundiais.
Rodríguez é o segundo deportista internacional convidado no marco das xornadas internacionais de adestramento en Vilalba, xornadas organizadas polo club vilalbés e subvencionadas pola Excma. Deputación de Lugo que comezaron hai un mes e medio coa presenza do ukraniano Sergey Priadum.
O obxectivo principal desta actividade é axudar aos deportistas vilalbeses e galegos participantes en competicións internacionais a que teñan contacto coas primeiras figuras mundiais deste deporte. Por iso o Club de Loitas Olímpicas Vilalba quere convidar a todos os loitadores galegos interesados en adestrar con nós durante o mes de Agosto a que se acheguen a Vilalba e coñezan a algunha desta figuras internacionais.
Os adestramentos son ás 12:00 pola mañá e as 18:00 pola tarde na sala de loita do auditorio municipal de Vilalba.
As nosas instalacións están moi limitadas para a práctica deste deporte, polo que se roga aos interesados que previamente se poñan en contacto co adestrador do club para organizar os adestramentos nunhas condicións axeitadas chamando ao teléfono 677 51 86 21.
Sede todos ben vidos.

No seguinte video podedes ollar a final do mundial do 2007 no que o cubano Alexis Rodríguez caeu ante o ruso Bilyal Makhov:

No seguinte vido Alexis Rodriguez imponse ao dúas veces campión olímpico Arthur Taymazov

xoves, 12 de agosto de 2010

CUBA CAE NA PRIMEIRA ROLDA DO TORNEO INTERNACIONAL ZIOLKOWSKI DE POLONIA

Foi na primeira rolda onde o vilalbés enfrontouse ao húngaro Daniel Higeti, loitador que xa venceu ao noso en varias ocasións e que está a ter unha formidable progresión. Aínda así foi un combate moi igualado que acabou levando o húngaro por un axustado 1-0 e 1-0 e máis por os erros tácticos de Cuba que pola superioridade do xove loitador do este.
Tras analizar o videos do enfrontamento, os adestradores de Cuba amósanse satisfeitos co seu rendemento pois afirman que cada vez as diferenzas son menores achegándose ao nivel da elite mundial.
En todo caso o torneo foi dunha complexidade destacada, cunha participación de 20 países e con representantes de campións e medallistas mundiais e europeos, como o caso do Ukraniano Vadyn Tasoev que acabou impoñéndose na categoría de Cuba, seguido do polaco Bartnicki Bartłomiej. Outros medallistas mundiais que participaron na categoría foron o americano Tommy Rowlands ou o grego Ioannis Arzoumanidis.
Dende esta semana Cuba ultima en Vilalba a súa preparación de cara ao mundial de Setembro contando coa axuda dun dos loitadores máis recoñecidos a nivel mundial na súa categoría, o cubano Alexis Rodríguez campión do mundo e bronce na olimpiada de Sidney.

martes, 3 de agosto de 2010

NEREA VILA, A PRIMEIRA GALEGA NUN EUROPEO CADETE DE LOITA

Dende o 3 ao 8 de Agosto terá lugar en Sarajevo os Campionatos de Europa de Loitas Olímpicas da categoría Cadete. Alí, a  viguesa Nerea Vila do Club San Ignacio fará historia ao ser a primeira galega que participará nuns continentais de loitas olímipicas. O fará na categoría de menos de 56 kg e estará acompañada da andaluza Marina Rueda en menos de 52 kg.
A selección española conta tamén con representantes na modalidade de libre olímpica (Daniel Rama en menos de 69kg e Adrián Gómez en menos de 76 kg) e grecorrmana (José De Unzuela en menos de 63 kg).
O adestrador de Nerea no CGTD de Pontevedra, Alexander Katchalaev, atópase moi optimista coa participación da galega salvando a dificultade que supón a primeira participación nun continental.
Podedes seguir case que en directo a competición nos seguintes enlaces:
www.hrvackisavez.ba/ecwc2010/
www.fila-wrestling.com/
PROGRAMA DO CAMPIONATO
Desexámoslles moita sorte a todos.

luns, 2 de agosto de 2010

TORNEO INTERNACIONAL ZIOLKOWSKI

A selección española participará a partir do 5 de Agosto no T.I. Senior de Libre Olímpica Ziolkowski en Polonia. O equipo está formado por 5 loitadores, entre eles José Cuba na categoría de menos de 120 kg. Acompáñano o balear Francisco Sánchez en menos de 55 kg, Agustín Sánchez en menos de 60 kg, o murciano Alberto Martínez en menos de 74 kg e o madrileño Boris Andonov en menos de 84 kg.
O equipo permanece adestrando concentrado dende o 29 de Xullo na base polaca de Spala dende co obxectivo de preparar esta clásica cita veraniega. O noso deportista terá a súa pesaxe o próximo sábado 7 e comezará as eliminatorias o Domingo 8.
Espérase unha grande afluencia de países cunha importante competencia por ser o derradeiro torneo internacional antes do mundial, sen dúbida unha grande oportunidade para o noso deportista.
O 9 de Agosto Cuba regresará a Vilalba para afrontar a fase final da súa preparación de cara aos mundiais de Setembro. Dende o club xa se está a traballar para conquerir sparrings do máis alto nivel que poidan adestrar en Vilalba durante a segunda quincena de Agosto, a principal alternativa pasa por un recoñecido deportista estranxeiro varias veces campión do mundo e subcampión olímpico.
Sorte a todos
Noticias relacionadas:
Federación polaca de loita
Federación Internacional de loitas olímpicas
Federación española