venres, 30 de decembro de 2011

EL DIARIO DE PONTEVEDRA HOMENAXEA A JOSE CUBA

El Diario de Pontevedra fixo unha pequena homenaxe ao loitador vilalbés no marco da festa HQR de Pontevedra. Cuba recolleu o premio acompañado de figuras como Nicolás Castro e Alexander Katchalaev xunto cos organizadores desta iniciativa que moviliza a milleiros de nenos e nenas na capital pontevedresa. Entre eles queremos destacar a Marcos Miragaya, deportista vilalbés que desempeña a súa vida profesional en Pontevedra e que co seu traballo no club da cidade fixo deste deporte unha referencia a todos os niveis. Campión de España Júnior en dúas ocasións, mantén licenza deportiva polo Club de Loita Vilalba e aínda que o inestimable traballo que realiza como adestrador en Pontevedra non lle permite adicarse activamente á competición, espérase que participe nos campionatos de España universitarios representando á Universidade de Vigo onde cursou a Licenciatura de Educación Física.

xoves, 29 de decembro de 2011

FESTA HQR DO DEPORTE DE PONTEVEDRA

Vilalba contou con dous deportistas na edición 2011 da Festa HQR organizada polo Diario de Pontevedra na cidade do Lérez. Os irmáns Ramón e Francisco Monasterio tomaron parte da modalidade de competición deportiva de loitas olímpicas nesta festa que promove como ningunha outra o deporte e actividade física entre os máis pequenos.
Ramón acadou o ouro na categoría Cadete de menos de 80 kg ao vencendo por superioridade técnica aos seus adversarios. Pola súa banda Francisco tivo que conformarse coa prata ao caer ante o loitador de Touro Damián Iglesias, actual campión de España Júnior en menos de 85 kg. Damián que decidiu participar nunha categoría de peso superior a súa amosou unha grande diferenza cos seus adversarios gañando todos os enfrontamentos por tocado.
A festa HQR valeu para valorar como se atopan os xóvenes loitadores que aspiran a respresentar a Galicia nos campionatos estatais do 2012, pero antes terán que clasificarse nos Campionatos Galegos que terán lugar nos meses de Xaneiro de Febreiro.

venres, 9 de decembro de 2011

JOSE LUIS PUENTES REGRESA DE TÚNEZ CON BOAS SENSACIÓNS


José Luís Puentes regresou o pasado Domingo de Túnez unha vez rematada a concentración internacional á que foron convidados polo equipo nacional, e tanto o vilalbés como o seu compañeiro Eliseo Permuy amósanse satisfeitos co traballo realizado e o nivel dos deportistas cos que tiveron oportunidade de adestrar durante estes días. Deportistas como o tajiko Yusup Abdusalamov, subcampión olímpico en Beijing na categoría de menos de 84 kg e que compartiu varios adestramentos con Puentes en Túnez.
A próxima cita importante para o noso deportistas será o campionato de España, proba na que terá que impoñerse a Boris Andonov como principal favorito si desexa formar parte do equipo preolímpico que se xogará as prazas para Londres 2012.
Este Venres Puentes viaxará a Vilalba onde pasará as vacacións do Nadal preparando o campionato estatal xunto con deportistas como José Cuba e algún que outro que esperamos nos dea algunha sorpresa para a próxima tempada.


mércores, 23 de novembro de 2011

AS CATEGORÍAS BASE DE VILALBA NA COPA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Loitadores Vilalbeses en Ourense 2011
Os novos loitadores vilalbeses acudiron ao Pavillòn Municipal dos Remedios de Ourense para tomar parte desta primeira edición da Copa Deputación Provincial. Aínda que non houbo unha gran representación de clubs galegos, si que poidemos desfrutar da habilidade e bo facer dos máis novos loitadores galegos. Vilalba acudiu cun numeroso equipo que se enfrontou cos equipos de Melide, Vila de Cruces, Rábade, Ourense e Stellae de Compostela. As roldas de enfrontamentos tiñan un compoñente máis lúdico que competitivo polo que non houbo clasificación final por equipos, premiando a cada deportistas pola súa participación.

Noraboa ao Clube Atila de Ourense pola organización do evento pois cremos que foi un éxito e o mellor xeito de inciar aos xóvenes deportistas á actividade competitiva.
VER FOTOS DA ACTIVIDADE

martes, 22 de novembro de 2011

JOSE LUIS PUENTES EN TÚNEZ

O vilalbés José Luís Puentes permanecerá concentrado en Túnez durante as dúas próximas tempadas. Puentes viaxou á República Tunecina convidado polo equipo nacional do país que busca esparrings de nivel cos que enfrontar aos seus deportistas.
O club vilalbés fíxose cargo do custe do desprazamento pois esta é unha moi boa oportunidade para a preparación de Puentes de cara ao próximo campionato de España, evento no que espera sumarse ao equipo preolímpico español que tentará acadar a praza para os próximos Xogos Olímpicos de Londres 2012.
Puentes viaxou acompañado de Eliseo Permuy, loitador crucense que tamén aspira a colacarse entre os primeiros no ranking estatal.
José Cuba non puido viaxar a Túnez ao non contar con loitadores do seu nivel o que nos obriga a xestionar outras actividades para a súa preparación, pero a actual conxuntura económica e a incertidume sobre os presupostos do club para o próximo ano impídenos programar o calendario de actividades da vindeira tempada, situación que empeza a incomodar ao técnicos e deportistas de club que ven achegarse as principais probas clasficatorias para Londres 2012.

martes, 8 de novembro de 2011

VILALBA REMATA 3ª NA COPA DA DEPUTACIÓN CELEBRADA EN MELIDE

A pasada fin celebrouse a 1ª Copa Deputación da Coruña en Melide organizada pola Escola de Loita Ayude da vila coruñesa.
Vilalba acudiu á cita con 5 xóvenes deportistas, suficientes para subir ao podio superando aos equipos máis numerosos. Esto foi posible grazas á destacable actuación dos nosos loitadores que casi acadan o pleno de ouros.
Femín e Raúl Sanz Cendán, Brais Arias Apenela e Ramón Monasterio Portela subiron ao máis alto do podio colgándose a presea de ouro tras vencer a todos os seus opoñentes. Angel García Yañez que tivo unha salientable actuación acadou o bronce, metendo ao equipo vilalbés nos primeiros postos da clasificación.
o título por equipos levouno a Escola Ayude seguida do Club Keltoi de Vila de Cruces, que están a amosar o auxe deste deporte no centro de Galicia convertíndose nunhas das escolas máis numerosas do país dado o apoio social co que contan.
Noraboa a ambas escolas e ánimo para seguires na mesma liña.

mércores, 2 de novembro de 2011

COPA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A fin de semana que ven disputarse en Melide a primeira Copa Deputación da Coruña de Loitas Olímpicas.
O evento está organizado pola Escola Ayude de Melide, que nestas últimas tempadas estase a convertir nun dos principais dinamizadores deste deporte no país.
Vilalba tentará achegarse á cita cunha pequena representación de loitadores das categorías base.

mércores, 21 de setembro de 2011

ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS 2011-12

Hoxe luns 19 de setembro, ábrese o prazo de inscrición nas escolas deportivas do curso 2011-12. Dito prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 5 de outubro. Asi mesmo, en xaneiro de 2012, abrirase un novo prazo de inscrición cunha reducción do 50 % na matrícula.
A tarifa é de 30 € ao ano, cunha reducción de 15 € por irmán. As escolas deportivas comezarán o luns 10 de outubro e rematarán o 31 de maio.
O horario de apertura da oficina de deportes do Concello para facer efectiva a inscrición será de luns a venres de 9:30 a 13:30
Os interesados en practicar loita deberán efectuar a inscrición nas escolas deportivas do Concello. Aqueles deportistas que non se inscribisen nas escolas municipais e desexen adestrar a loita neste club terán que pagar unha cuota mensual de 15 €.
Mais información en: CONCELLO DE VILALBA
VER HORARIOS DE LOITA 

domingo, 18 de setembro de 2011

MUNDIAL 2012: JOSE CUBA NON SE CLASIFICA PARA LONDRES 2012 AO CAER EN PRIMEIRA ROLDA

Poucos foron os pronósticos  que acertaron neste mundial. Quén nos ía dicir que campións olímpicos e mundialistas voltarían de Estambul sen acadar a clasificación para Londres 2012. O mesmísimo Artur Taymazoz (Uzbekistán), dúas  veces campión olímpico,  caeu en cuartos ante un impresionante Tervel Dagnev (USA) quedando sen  a clasificaión olímpica.
Precisamente foi Taymazov quen eliminou a José Cuba en primeira rolda nun combate con clara superioridade uzbeka. A derrota deste ante o americano tamén deixou ao vilalbés sen posibilidades de repesca e de achegarse aos postos olímpicos, o que lle obriga a xogarse a praza olímpica nas próximas citas europeas xa no 2012.
O bielorruso Shemarov impúxose na final de 120 kg  ao ruso Makhov que era o principal favorito xunto co uzbeko.  Os bronces foron para o acerí Magomedov e o americano Dlagnev, que xunto cos quintos postos do mongol Jargalsaikhan e o georgiano Modzmashvili completan as 6 prazas que se disputaban para os próximos Xogos Olímpicos de Londres 2012.
Non tivemos moita oportunidade de ver  o nivel do loitador vilalbés que ao caer en primeira rolda non se pudo medir con algún dos loitadores cos que terá que disputarse as 4 prazas que restan para os europeos que desexen estar en Londres.
Dende o club vilalbés se traballará para levar a cabo unha preparación que permita a Cuba acadar o soño de estar nuns Xogos Olímpicos, e que pasa por traer loitadores de primeiro orde mundial a Vilalba ou viaxar a adestrar a aqueles  países nos que se atopan os mellores deportistas do mundo.
Para ver toda a información e videos do mundial preme aquí:  MUNDIAL 2010

luns, 1 de agosto de 2011

TORNEO INTERNACIONAL ZIOLKOWSKI 2011

Os equipos españois de loita libre e loita feminina se atopan na cidade polaca de Poznan para desputar os prestixiosos torneos internacionais de loitas olímpicas que cada verán reúnen aos mellores equipos do momento.
O equipo masculino participou no Memorial Ziolkowski cunha selección case ao completo na que só faltou o representante de menos de 66kg.
Os galegos José Cuba (120kg) e Eder Villanueva (96kg) non tiveron moitas oportunidades de medalla ao caer en primeira rolda ante o búlgaro Nikolay Chterev e o georgiano Elizbar Odikadze respectivamente.
Cuba estivo preto de pasar á seguinte rolda ao desputar un combate moi axustado co representante búlgaro no que perdeu 1-0 no primeiro asalto e cun segundo asalto que tivo que decidirse no clinch para romper o empate.
Destacar a actuación do  balear Francisco Sánchez que acadou o 5º posto ao perder o bronce ante o estadounidense Troy Nickerson. Antes vencera na repesca ao británico Krasimir Krastanov.
Esta foi a última cita intenacional antes do mundial de Setembro, primeira proba clasificatoria para os Xogos de Londres 2012.
VER CLASIFICACIÓN DE JOSE CUBA 

mércores, 20 de xullo de 2011

IMAXES CUBA EN OSETIA

O noso deportista máis internacional acaba de chegar da rexión rusa de Osetia onde permaneceu adestrando durante preto dun mes con algún dos mellores loitadores do mundo. Cuba que viaxou a Rusia para preparar a súa participación no Final Golden Grand Prix de Bakú concentrouse co equipo de Osetia nunha pequena base deportiva nas alturas do Caucaso.
A concentración serviulle ao equipo osetio para preparar o campionato nacional ruso, onde acadou varios ouros e podios.
VER FOTOS

1º TORNEO DE LOITA TRADICIONAL GALEGA

Xa podedes disfrutar dalgunhas das fotos que nos enviaron do primeiro torneo de loita tradicional de Vilalba que tivo lugar o pasado Sábado día 9 durante a celebración da feira medieval.
Nesta primeira edición non fixemos un torneo típico pois dada a novidade preferimos comezar cun taller onde iniciar aos xóvenes participantes á modalidade tradicional.
A nosa intención é darlle continuidade a este evento e que se convirta nunha das citas de referencia do verán para os loitadores que desexen contribuir á recuperación da nosa loita.
VER FOTOS

sábado, 16 de xullo de 2011

JOSE CUBA NO FINAL GOLDEN GRAND PRIX DE ACERBAIJÁN

A pasada semana disputouse o Final Golden Grand Prix de loitas olímpicas en Bakú (Acerbaiján), fase final para a que se clasifican os deportistas que mellores resultados tiveron entre os máis prestixiosos torneos internacionais do mundo.
Por segundo ano consecutivo José Cuba foi capaz de acadar a praza que o levou a estar entre os mellores loitadores mundiais da súa categoría. O noso club en colaboración coa federación galega e a federación española, fixo un tremendo esforzo para que o vilalbés poidese acudir á imprescindible cita acerí.
Para preparar a gran final, Cuba permaneceu concentrado durante 25 días na república rusa de Osetia, onde adestrou co equipo rexional que preparaba o campionato nacional de Rusia o que lle deu a oportunidade de medirse con algúns dos mellores loitadores do momento e incluso da historia como o dúas veces campión olímpico Arthur Taymazov.
Deste xeito Cuba chegou a Bakú en plena forma deportiva, o que non lle serviu para pasar de semifinais ao caer ante o representante local e bronce no pasado europeo Magomedov Jamaladdin que o venceu en dous asaltos (3-0 , 2-0). O  acerí rematou en 3ª posición deixando ao vilalbés sen posibilidade de repesca nunha categoría na que se impuxo o turco Akgul Taha que deu a sorpresa ao impoñerse na final ao seu compatriota e actual campión de Europa Fatih Cakiroglu.
Esta era a mellor das oportunidades de medir o nivel do loitador galego ante os mellores do mundo xusto antes da primeira proba clasificatoria para os Xogos Olímpicos de Londres que terá lugar no mundial de Setembro. Dende o club xa estamos a deseñar a preparación de cara a esta cita co obxectivo de rematar entre os 6 primeiros, posto que lle daría  a praza olímpica.
Antes da súa chegada a Vilalba, Cuba concentrarase  en Madrid onde adestrará ata esta fin de semana cos equipos de Rumanía, Hungría e Canadá.
MAIS INFORMACIÓN NA PÁXINA OFICIAL: FILA-WRESTLING
Fotos dos adestramentos en Osetia
Jose Cuba vs Arthur Taymazov

mércores, 29 de xuño de 2011

OUTRAS LOITAS TRADICIONAIS EUROPEAS


FEIRA MEDIEVAL: 1º TORNEO DE LOITA TRADICIONAL GALEGA DE VILALBA

O Club Vilalba organizará un pequeno torneo de loita tradicional galega que terá lugar o próximo 9 de Xullo no marco da celebración da Feira Medieval de Vilalba. Nesta primeira edición haberá unha pequena representación dos xóvenes loitadores da chaira que tentarán rememorar a variedade de loita autóctona que os diferentes estudos recollen na nosa terra.
Estes estudos non acaban de definir a metodoloxía do enfrontamento pois parece ser que a Tumba, a Chimpa ou Caiados, formas en que se coñecía a loita nos diferentes lugares, era unha actividade físico deportiva espontánea que se iniciaba por un reto á agarrada e que adoitaba a ter lugar no verán nas xuntanzas e celebracións tralas tarefas estivais do campo, o que seguramente deu orixe a multitude de variantes a nivel das parroquias.
 O que si que parece estar claro é que comparte orixe coas diferentes variantes de loita que houbo na península como a loita da cruz (Salamanca), voltas ou marañas (Muga de Sayago-Zamora), engarrucha e aluches (Cantabria),  luchas ou trinchas (Zamora), galholfa (norte Portugal), baltu (Asturias), valto (Concejo de la Lomba - León), valtío ou aluchas (La Cepeda - León), loita do Roncal (Pirineos) e probar a xuntar (Baleares)- (tomado de www.luchaleonesa.es).
A principal entidade que traballa no estudo da nosa variedade autóctona é o Club A Cambadela de A Estrada da que collemos a seguinte información sobre a nosa loita:
Pero, que diaño é iso da Loita Tradicional Galega?.
En realidade, o nome de Loita Tradicional Galega non existíu como tal para referirse á forma de loitar que tiñan os nosos antergos. Dicíase con frecuencia ir a botar loitas, ou tamén ir a aloitar, ou chamábase nalgunhas zonas Tumba, ou Chimpa, ou Caiados, ou tantos outros nomes de uso máis ben local.
Todos estes nomes facían referencia a unha actividade que se realizaba asociada a tarefas agrarias ou mariñeiras. Tradicionalmente eran frecuentes as xuntanzas de veciños tanto para realizar traballos do agro coma dunha forma festeira como medio de socialización. Era nestas xuntanzas cando surxía a loita, os mozos loitaban entre si, as mozas loitaban entre si, e incluso loitaban os mozos coas mozas. Todo se desenvolvía cun marcado carácter lúdico.
Por desgraza, posiblemente por un lado debido ao feito de que non era unha actividade regulamentada, e por outro lado ao cambio na sociedade e a un enfoque distinto das actividades do agro, a nosa forma de loitar foi esmorecendo e chegou a desaparecer.
Dende o club A Cambadela consideramos que sería unha mágoa esquecernos dunha actividade autóctona, que é parte do noso acervo cultural e ademáis con cumpridas diferencias con respecto a outras loitas de raizames similares. É por isto que pelexaremos para que a Loita Tradicional Galega, nome que aglutina ás diversas variantes e designacións desta actividade, resurxa das súas cinzas e poida chegar a ser un deporte vivo e, sobre todo, noso.
Esta entidade quere contribuír aos actos festivos do noso concello así como ao enriquecemento cultural do pobo galego, por iso proponse como reto consolidar o encontro de loita tradicional para vindeiras citas e colaborar coas diferentes asociacións que traballan na difusión e coñecemento da nosa loita.


mércores, 15 de xuño de 2011

JOSE CUBA PREPARA O FINAL GOLDEN GRAND PRIX DE BAKÚ EN OSETIA

O Vilalbés José Cuba está a preparar a súa participación no Final Golden Grand Prix de Bakú en Osetia (Rusia). A torneo Acerbaijano disputarase o próximo 9 de Xullo, data en que José se desprazará a Bakú para medirse aos mellores loitadores do momento o que lle sevirá de exame de cara ao próximo mundial de Turkía.
O Club Vilalba sufragará os desprazamentos e estancia do seu deportista tanto en Osetia onde adestrará coa selección que prepara o campionato nacional ruso, como en Azerbaiján para tomar parte do Final Golden Grand Prix.
A presencia de José en Bakú impedirá a súa participación no Gran Premio de España que se celebrará en Madrid nas mesmas datas, un torneo no que Cuba adoita a ter bos resultados e que cada ano aumenta en prestixio internacional coa participación de máis países cos seus principais equipos.

martes, 14 de xuño de 2011

VIDEO PROMOCIONAL DE BEAT THE STREETS EN TIMES SQUARE

Este é o video promocional da edición 2011 de Beat the Streets na que o equipo de Rusia enfrontouse ao equipo de USA no Times Square de Nova York.

luns, 30 de maio de 2011

O Director Técnico da Federación Española visita Vilalba

A Federación Galega de Loitas Olímpicas tivo como convidado especial na Xornada Final da Competición Deportiva en Idade Escolar a Francisco Iglesias, Director Técnico da Federación Española e probablemente o mellor loitador español da historia.
Iglesias aloxouse en Vilalba onde puido comprobar as condicións de adestramento dalgúns dos deportistas que forman parte dos equipos estatais e salientou a importancia do traballo que está a levar a cabo a federación galega para o conxunto do estado. A xestión de Iglesias facilitou que os nosos deportistas máis destacados chegasen ás axudas do CSD, imprescindibles para manter a práctica deportiva, e afirmou que seguirá a traballar para mellorar as condicións de adestramento dos nosos deportistas e que Galicia teña o recoñecemento que se merece.

domingo, 29 de maio de 2011

JOSE CUBA REMATA 3º NO XVIº TORNEO INTERNAZIONALE CITTA´DI SASSARI

O Vilalbés José Cuba acadou o bronce no prestixioso torneo italiano. Cuba que loitou nun grupo de 4 loitadores só venceu ao representante de Irlanda ao que se impuxo con superioridade. O rumano Rares Chintoan e o ruso Magomedov leváronse o ouro e a prata da categoría tras vencer tanto ao representate irlandés como ao loitador vilalbés.
O equipo español de loita libre acadou outros dous bronces dos baleares Francisco e Agustín Sánchez, o que deixa unha boa imaxe do equipo de cara aos próximos clasificatorios.
NORABOA A TODOS!

XORNADA FINAL DA LIGA DE DEPORTE DE BASE DO PROGRAMA XOGADE

Esta fin se semana tivo lugar a fase final da Xornada de Deporte de Base de Loitas Olímpicas organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte e que se celebrou na Casa do Deporte de Lugo.
Máis de 170 deportistas de 13 clubs galegos disputaron esta fase final onde o Club de Loita Vilalba rematou no 6º posto cun equipo composto por 9 loitadores. Os gañadores da liga foron a Escola Ayude de Melide seguidos do Kuzushi de Vigo, o terceiro posto foi para o San Ignacio de Vigo, o cuarto posto levouno o Keltoi de Vila de Cruces e o quinto o Stellae de Compostela. O Coliseum de Rábade obtivo o 7º posto tras unha gran participación durante toda a tempada.
Fermín e Raúl Sanz, Hugo Prieto, Jose Antonio Paz, Staminir Emilov, David Ramudo, Angel García, Brais Arias e Joao Vieira foron os vilalbeses que conformaban o noso equipo sendo capaces de impoñerse á maioría dos equipos moito máis numerosos que o noso. A pesar de que esta é unha competición que premia a participación e non o resultado queremos destacar a valentía e destreza dos xóvenes vilalbes que como sempre acaban sorprendendo aos técnicos do noso club.
NORABOA E GRAZAS RAPACES POLO VOSO ESFORZO E ENTUSIASMO!!
 Para ver as fotos da actividade preme aquí:VER FOTOS

mércores, 11 de maio de 2011

ENTREVISTA A NICOLÁS CASTRO COMO ADESTRADOR DO STELLAE DE COMPOSTELA

Neste video poderedes desfrutar da entrevista que Correo TV lle fixo ao vilalbés Nicolás Castro polos éxitos acadados como adestrador do Club de Loita Stellae de Compostela, que en 4 anos pasou a ser unha das referencias deste deporte a nivel galego.
Noraboa Nico.

luns, 9 de maio de 2011

JOSE CUBA NO TORNEO INTERNACIONAL "CITTA DE SASSARI" DE ITALIA

Esta semana chegou ao club a convocatoria de José Cuba para tomar parte xunto coa seleción española no prestixioso torneo interacional Citta´de Sassari que terá lugar do 26 ao 29 de Maio na illa italiana de Cerdeña.
O vilalbés viaxará con 3 compañeiros máis do equipo español xunto co selecionador Vicente Cáceres e o equipo de loita libre feminina.
CONVOCATORIA OFICIAL:

BO PAPEL DO CLUB DE RÁBADE NA 2ª XORNADA DE DEPORTE DE BASE

A escola de Rábade tamén asinou unha moi boa actuación na 2ª Xornada de Deporte de Base que se celebrou en Compostela. Este é o segundo ano que o equipo rabadense participa na competición e está amosar a súa tremenda progresión superando á maioría dos equipos inscritos. Sen dúbida un magnifico traballo o que está a levar Marcos Carral, agora coa inestimable axuda de José Cuba.
O equipo de Rábade está composto por Kevin Angel, Cristian Trashorras, Iván García, José Suárez, Francisco López, Pedro Pena, Lois Fernández, Xico Fernández, Cristian Pena, Jonathan Pernas e Laura Arias.

A participación de clubs lucenses viuse reducida pola imposibilidade do Club Lugo de desprazarse a Compostela, pero xunto con Rábade e Vilalba espérase que tome parte na final de Lugo o próximo 28 de Maio.
SORTE E NORABOA A TODOS.

domingo, 8 de maio de 2011

2ª XORNADA DE DEPORTE ESCOLAR

Vilalba participou esta fin de semana na 2ª Xornada de Deporte de Base de Loitas Olímpicas que tivo lugar no pavillón municipal do Restollal en Compostela. Preto de 150 loitadores das categorías Alevín e Benxamín de 12 clubs galegos desputaron unha competición de todos contra todos onde destacou o bo facer e habilidade dos novos deportistas.
O equipo de vilalba estivo formado por Jose Antonio Paz, Hugo Prieto, Fermín e Raúl Sanz, Staminir Emilov, Angel García, Brais Arias, Borja Rey, Joao Pedro Vieira e David Ramudo. Aínda que os nosos deportistas gañaron a maioría dos enfrontamentos predominan na clasificación provisional os equipos con máis participantes pois esta é unha competición onde se premia a participación dos máis pequenos.
A xornada final desta liga terá lugar o próximo 28 de Maio en Lugo.

luns, 2 de maio de 2011

VILALBA ACADA UNHA PRATA E DOUS BRONCES NO TROFEO NACIONAL DO KUZUSHI

O equipo de Vilalba viaxou  esta fin de samana a Vigo para disputar a 21ª edición do Trofeo Nacional do Kuzushi. Á cita acudiron varios clubs galegos e do estado cunha especial presenza das categorías de base, actual motor da loita galega. Vilalba inscribiu 5 deportistas  dos cales 3 subiron ao podio acadando un total de dous bronces (Hugo Prieto Ardao e Staminir Emilov Ivanov) e unha prata (Borja Rey Dopico). Angel García Yañez e Brais Arias Apenela  loitaron en categorías de peso superiores á súa e, a pesares da súa boa actuación, non lograron acadar as preseas.
O fin de semana que ven disputarase en Compostela a segunda Xornada de Deporte Base de Loitas Olímpicas, e Vilalba con viaxar cun equipo de 13 deportistas das categorías Benxamín e Alevín.

venres, 15 de abril de 2011

HOXE CUMPRE: JOSE CUBA

Onte Marcos e hoxe Cuba, parece que as grandes persoas veñen ao mundo nas mesmas datas. Quizais o mellor loitador galego de todos os tempos Cuba coñécese por levar o nome desta vila por bandeira, alá onde vaia todos saben de onde ven.
Hai anos ofrecéronlle mellores condicións económicas e de adestramento para irse a adestrar fora e rexeitou a oferta alegando que aquí tamén se poden facer bos loitadores, e él é o mellor do exemplos. É o loitador galego que máis podios acadou en torneos internacionais, obtivo o número 1 do ranking nacional no 2009 por ser o loitador español que máis combates gañou na tempada, tamén é o loitador galego que máis alto chegou no ranking internacional da FILA, se a iso sumamos os 10 campionatos de España e que é único loitador galego coa beca ADO  non cabe dúbida de que falamos dun dos grandes deportistas galegos.
Naceu en Berna (Suiza) hai 30 anos, e co retorno da familia á terra cando aínda era noviño comezou a súa andaina polos diferentes deportes do noso concello. Fútbol, taekwondo e gaita foron algunhas das actividades que probou antes de coñecer a loita aos 18 anos.
Atópase no mellor momento da súa carreira deportiva e sábese coñecedor da influenza que exerce sobre os xóvenes talentos que veñen dende abaixo e que o teñen a él como referencia, agasallándoos cada día cunha leción de sacrificio, disciplina, compañeirismo e humildade.
Hoxe centra a súa vida nos adestramentos e a competición coa mira posta nos Xogos Olímpicos  de Londres sen deixar de lado o seu futuro profesional unha vez rematada a vida deportiva, pois está a preparar os exames de aceso aos corpos de policia local.
MOITA SORTE E PARABÉNS DE PARTE DE TODOS CAMPIÓN!


.

xoves, 14 de abril de 2011

HOXE CUMPRE: MARCOS CARRAL


Traballador incansable, humilde e sempre disposto a votar unha man son algunhas das cualidades que fan de Marcos un dos piares fundamentais do noso traballo. Comezou  a súa andaina neste deporte cando o proxecto do Club Vilalba daba os seus primeiros pasos co nome de Escola Jansu. Marchouse para Pontevedra onde foi becado para adestrar no CGTD baixo a tutela de Alexander Katchalaev e co que acadou varios podios nos Campionatos de España. Voltou a súa Saavedra natal para cursar os estudos de maxisterio en Lugo o que supoxo un baixón no seu rendemento ao non atopar as condicións precisas para a súa preparación, recordar que daquela o Club Vilalba aínda andaba a loitar por unha instalación fixa.
Hai un par de anos dicidiu voltar á competición compaxinando os adestramentos diarios coa profesión de mestre de primaria, acadando varios podios nos campionatos galegos, unha participación no Vasili Semeonov de Neftayuganks (Rusia) e a titularidade no equipo de Vilalba que disputa a Liga Nacional de 1ª División de loitas olímpicas.
Aos seus recen cumpridos 26 anos e como adestrador da escola de loita de Rábade representa o paradigma da loita galega moderna; un deporte educativo e formativo aberto a todos e que se atopa en forte espallamento entre os nosos escolares.
Nestas últimas semanas por motivos laborais non puidemos contar con él nos adestramentos e a todos nos tarda a súa reincorporación pois como xa dixemos, é un piar fundamental desta entidade.
FELICIDADES MARCOS !

domingo, 10 de abril de 2011

1ª XORNADA DA LIGA DE DEPORTE DE BASE EN PALAS DE REIS

O equipo de Vilalba Alevín participou esta fin de semana na primeira xornada da liga de deporte de base que se celebrou no pavillón municipal de Palas de Reis clasificándose en segunda posición tralo equipo de Melide.
Os vilalbeses tiveron unha moi boa actuación impoñéndose a outros equipos moito máis numerosos, aínda que se notou a falla de rodaxe da primeira cita da tempada e a inclusión á competición de novos loitadores que se estrearon en Palas de Reis.
O equipo vilalbés estivo formado polos seguintes deportistas:
  • Jose Antonio Paz Eimil.
  • Hugo Prieto Ardao.
  • Femín Sanz Cendán.
  • Raul Sanz Cendán.
  • Pepe Mato Maseda.
  • David Ramudo Ares.
  • Staminir Emilov Ivanov.
  • Borja Rey Dopico.
  • Brais Arias Apenela.
  • Angel García Yañez.
  • Joao Pedro Vieira Lucena.
Os vilalbeses traballarán  nas próximas semanas para mellorar a loita no chan xa que é onde máis dificultades atoparon os nosos deportistas, e poderán amosar os seus progresos na próxima xornada de liga que se disputará en Compostela o próximo 7 de Maio. Antes unha pequena seleción de loitadores viaxará a Vigo para disputar o Trofeo Nacional do Kuzushi o próximo 30 de Abril.
 

domingo, 3 de abril de 2011

CUBA CAE ELIMINADO EN PRIMEIRA ROLDA ANTE O ARMENIO BASIEV

O vilalbés Jose Cuba seguiu a sorte do resto dos seus compañeiros de seleción ao caer na primeira rolda no campionato de Europa de loitas olímpicas que se celebrou a semana pasada na cidade alemana de Dortmund.
Cuba caeu ante Basiev en dous asaltos nun combate con algún que outro erro táctico. O loitador de orixe ruso e nacionalizado armenio partía como favorito dado o seu palmarés, pero José chegaba a Dortmund no seu mellor momento e, según a opinión dos nosos técnicos, cun nivel moi superior ao da maioría dos seus adversarios, incluído Basiev. O acerbaiano Magomedov impúxose a Basiev na seguinte rolda deixando ao vilalbés fora da competición sen posibilidade de repesca.
Na súa categoría acabou impoñéndose o turco Cakiroglu que venceu na final ao bieloruso Shemarov, os bronces foron para o húngaro Ligeti e o acerí Magomedov.
O resto do equipo español tamén caeu en primeira rolda o que supón un espaldarazo para todos a sete meses da primeira cita clasificatoria para Londres 2012.
Na categoría de menos de 55 kg o vencedor foi o ruso Otarsultanatov, a prata foi para o georgiano Khinchagashvili e os bronces para o acerí Magomedov e o bieloruso Andreyen, este último foi o que se impuxo na primeira rolda ao mallorquín Francisco Sánchez.
En menos de 60 kg tamén dominou un ruso, neste caso foi o xoven Opan Sat que venceu na final ao albano Prizreni, quedando os bronces repartidos entre o búlgaro Guidea e o ukraniano Fedoryshin. Nesta categoría o representante español foi Agustín Sánchez que tamén caeu en primeira rolda ante o rumano Bucur.
O acerí Hasanov foi o vencedor de menos de 66 kg, segundo foi Bazan (Bielorusia), sendo os bronces para o húngaro Wöllen o xermano Javad, este último foi o que venceu a Manuel Ortiz deixándoo fora da competición na primeira rolda.
En menos de 74 kg venceu o favorito, o ruso Tsargush, segundo foi Murtazaliev (Acerbaián) e terceiros foron Hatos (Hungría) e Khutsishvili (Georgia).
De novo un ruso se impuxo en menos de 84 kg, Urishev venceu na final ao georgiano Marsagishvili relegando aos terceiros postos ao acerí Sharifov e ao rumano Stefan.
 Agora Cuba regresará a Vilalba para adestrar e correxir os erros máis importantes co obxectivo de preparar a súa participación no próximo mundial de Setembro.

sábado, 26 de marzo de 2011

CUBA REMATA A SÚA ESTANCIA EN AZERBAIJAN E ATÓPASE PREPARADO PARA O EUROPEO

Hoxe remata a concentración do vilalbés Jose Cuba en Acerbaiján e mañá viaxara con destino a Dortumund onde se reunirá co respo do equipo español para participar no Campionato de Europa.
Jose viaxou a Bakú despois do Campionato de España e permanecu adestrando na capital acerí durante 15 días para ultimar a súa preparación de cara a este europeo. Neste tempo estivo sempre acompañado do noso amigo Alexis Rodríguez que tras a súa estancia en Vilalba o pasado mes de Agosto viaxou a Acerbaiján para nacionalizarse e formar parte do seu equipo nacional. O loitador de orixe cubano que non representará ao país do leste neste europeo, traballou co vilalbés correxindo defectos e axudándolle a conquerir o bo estado de forma co que chegará a Dortmund.
Dende o club vilalbés,  e sempre coa axuda da Federación Galega de Loita, seguiremos a traballar para conseguir que Alexis poda vir adestrar a nosa terra durante varios meses unha vez pasado o europeo.

mércores, 16 de marzo de 2011

A DEPUTACIÓN PROVINCIAL RENOVA O CONVENIO ANUAL CO CLUB VILALBÉS PARA OS GASTOS DA TEMPADA

A Area de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo comunicou á directiva do Club de Loitas Olímpicas Vilalba a inclusión dunha partida de 10.000 € nos presupostos do 2011 para os gastos da tempada.
Con esta colaboración o club vilalbés pode manter a actividade desenvolvida nas pasadas tempadas e que vai dirixida principalmente á promoción e espallamento da práctica deportiva e a preparación dos nosos principais deportistas de cara ao mundial sénior de Setembro; primeira cita clasificatoria para os Xogos Olímpicos de Londres 2012.