venres, 15 de abril de 2011

HOXE CUMPRE: JOSE CUBA

Onte Marcos e hoxe Cuba, parece que as grandes persoas veñen ao mundo nas mesmas datas. Quizais o mellor loitador galego de todos os tempos Cuba coñécese por levar o nome desta vila por bandeira, alá onde vaia todos saben de onde ven.
Hai anos ofrecéronlle mellores condicións económicas e de adestramento para irse a adestrar fora e rexeitou a oferta alegando que aquí tamén se poden facer bos loitadores, e él é o mellor do exemplos. É o loitador galego que máis podios acadou en torneos internacionais, obtivo o número 1 do ranking nacional no 2009 por ser o loitador español que máis combates gañou na tempada, tamén é o loitador galego que máis alto chegou no ranking internacional da FILA, se a iso sumamos os 10 campionatos de España e que é único loitador galego coa beca ADO  non cabe dúbida de que falamos dun dos grandes deportistas galegos.
Naceu en Berna (Suiza) hai 30 anos, e co retorno da familia á terra cando aínda era noviño comezou a súa andaina polos diferentes deportes do noso concello. Fútbol, taekwondo e gaita foron algunhas das actividades que probou antes de coñecer a loita aos 18 anos.
Atópase no mellor momento da súa carreira deportiva e sábese coñecedor da influenza que exerce sobre os xóvenes talentos que veñen dende abaixo e que o teñen a él como referencia, agasallándoos cada día cunha leción de sacrificio, disciplina, compañeirismo e humildade.
Hoxe centra a súa vida nos adestramentos e a competición coa mira posta nos Xogos Olímpicos  de Londres sen deixar de lado o seu futuro profesional unha vez rematada a vida deportiva, pois está a preparar os exames de aceso aos corpos de policia local.
MOITA SORTE E PARABÉNS DE PARTE DE TODOS CAMPIÓN!


.

xoves, 14 de abril de 2011

HOXE CUMPRE: MARCOS CARRAL


Traballador incansable, humilde e sempre disposto a votar unha man son algunhas das cualidades que fan de Marcos un dos piares fundamentais do noso traballo. Comezou  a súa andaina neste deporte cando o proxecto do Club Vilalba daba os seus primeiros pasos co nome de Escola Jansu. Marchouse para Pontevedra onde foi becado para adestrar no CGTD baixo a tutela de Alexander Katchalaev e co que acadou varios podios nos Campionatos de España. Voltou a súa Saavedra natal para cursar os estudos de maxisterio en Lugo o que supoxo un baixón no seu rendemento ao non atopar as condicións precisas para a súa preparación, recordar que daquela o Club Vilalba aínda andaba a loitar por unha instalación fixa.
Hai un par de anos dicidiu voltar á competición compaxinando os adestramentos diarios coa profesión de mestre de primaria, acadando varios podios nos campionatos galegos, unha participación no Vasili Semeonov de Neftayuganks (Rusia) e a titularidade no equipo de Vilalba que disputa a Liga Nacional de 1ª División de loitas olímpicas.
Aos seus recen cumpridos 26 anos e como adestrador da escola de loita de Rábade representa o paradigma da loita galega moderna; un deporte educativo e formativo aberto a todos e que se atopa en forte espallamento entre os nosos escolares.
Nestas últimas semanas por motivos laborais non puidemos contar con él nos adestramentos e a todos nos tarda a súa reincorporación pois como xa dixemos, é un piar fundamental desta entidade.
FELICIDADES MARCOS !

domingo, 10 de abril de 2011

1ª XORNADA DA LIGA DE DEPORTE DE BASE EN PALAS DE REIS

O equipo de Vilalba Alevín participou esta fin de semana na primeira xornada da liga de deporte de base que se celebrou no pavillón municipal de Palas de Reis clasificándose en segunda posición tralo equipo de Melide.
Os vilalbeses tiveron unha moi boa actuación impoñéndose a outros equipos moito máis numerosos, aínda que se notou a falla de rodaxe da primeira cita da tempada e a inclusión á competición de novos loitadores que se estrearon en Palas de Reis.
O equipo vilalbés estivo formado polos seguintes deportistas:
  • Jose Antonio Paz Eimil.
  • Hugo Prieto Ardao.
  • Femín Sanz Cendán.
  • Raul Sanz Cendán.
  • Pepe Mato Maseda.
  • David Ramudo Ares.
  • Staminir Emilov Ivanov.
  • Borja Rey Dopico.
  • Brais Arias Apenela.
  • Angel García Yañez.
  • Joao Pedro Vieira Lucena.
Os vilalbeses traballarán  nas próximas semanas para mellorar a loita no chan xa que é onde máis dificultades atoparon os nosos deportistas, e poderán amosar os seus progresos na próxima xornada de liga que se disputará en Compostela o próximo 7 de Maio. Antes unha pequena seleción de loitadores viaxará a Vigo para disputar o Trofeo Nacional do Kuzushi o próximo 30 de Abril.
 

domingo, 3 de abril de 2011

CUBA CAE ELIMINADO EN PRIMEIRA ROLDA ANTE O ARMENIO BASIEV

O vilalbés Jose Cuba seguiu a sorte do resto dos seus compañeiros de seleción ao caer na primeira rolda no campionato de Europa de loitas olímpicas que se celebrou a semana pasada na cidade alemana de Dortmund.
Cuba caeu ante Basiev en dous asaltos nun combate con algún que outro erro táctico. O loitador de orixe ruso e nacionalizado armenio partía como favorito dado o seu palmarés, pero José chegaba a Dortmund no seu mellor momento e, según a opinión dos nosos técnicos, cun nivel moi superior ao da maioría dos seus adversarios, incluído Basiev. O acerbaiano Magomedov impúxose a Basiev na seguinte rolda deixando ao vilalbés fora da competición sen posibilidade de repesca.
Na súa categoría acabou impoñéndose o turco Cakiroglu que venceu na final ao bieloruso Shemarov, os bronces foron para o húngaro Ligeti e o acerí Magomedov.
O resto do equipo español tamén caeu en primeira rolda o que supón un espaldarazo para todos a sete meses da primeira cita clasificatoria para Londres 2012.
Na categoría de menos de 55 kg o vencedor foi o ruso Otarsultanatov, a prata foi para o georgiano Khinchagashvili e os bronces para o acerí Magomedov e o bieloruso Andreyen, este último foi o que se impuxo na primeira rolda ao mallorquín Francisco Sánchez.
En menos de 60 kg tamén dominou un ruso, neste caso foi o xoven Opan Sat que venceu na final ao albano Prizreni, quedando os bronces repartidos entre o búlgaro Guidea e o ukraniano Fedoryshin. Nesta categoría o representante español foi Agustín Sánchez que tamén caeu en primeira rolda ante o rumano Bucur.
O acerí Hasanov foi o vencedor de menos de 66 kg, segundo foi Bazan (Bielorusia), sendo os bronces para o húngaro Wöllen o xermano Javad, este último foi o que venceu a Manuel Ortiz deixándoo fora da competición na primeira rolda.
En menos de 74 kg venceu o favorito, o ruso Tsargush, segundo foi Murtazaliev (Acerbaián) e terceiros foron Hatos (Hungría) e Khutsishvili (Georgia).
De novo un ruso se impuxo en menos de 84 kg, Urishev venceu na final ao georgiano Marsagishvili relegando aos terceiros postos ao acerí Sharifov e ao rumano Stefan.
 Agora Cuba regresará a Vilalba para adestrar e correxir os erros máis importantes co obxectivo de preparar a súa participación no próximo mundial de Setembro.