domingo, 25 de novembro de 2012

NOVAS ESCOLAS DEPORTIVAS DE COSPEITO E GUITIRIZ

Os concellos de Cospeito e Guitiríz súmanse ao de Xermade na inclusión das loitas olímpicas dentro da súa oferta das escolas deportivas municipais. Estas novas escolas intégranse dentro do programa da escola comarcal de loitas olímpicas que o club vilalbés está a levar a cabo co financiamento da deputación provincial e os patrocinadores da entidade, e que xunto coa colaboración dos concellos e a federación galega de loita tentarán facer da comarca da Terra Chá un referente das loitas olímpicas a nivel estatal.
Iván Paredes, un dos técnicos do club vilalbés, será o responsable destes novos puntos de adestramento aos que agardamos que neste mesmo ano se sume a escola de Begonte na que xa hai varios rapaces apuntados.
De momento non son moitos os rapaces e rapazas que están a participar, pero agardamos que pouco a pouco os grupos vaian medrando e con eles aumentar o o servizo en cada un dos concellos.
Os interesados poden inscribirse na actividade durante todo o ano, actividade que nun principio estase a realizar os Luns de 13:45 a 14:45 horas no Ximnasio do CPI Virxe do Monte en Cospeito e os Xoves de 16:00 a 17:30 horas na Casa Habanera de Guitiriz.
Para obter máis información poden enviarnos un email a : loitaolimpicavilalba@yahoo.es.

2ª COPA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Vilalba viaxou esta fin de semana a Melide cun pequeno equipo da categoría alevín para disputar a 2ª edición da Copa Deputación da Coruña de loitas olímpicas. Nesta competición puidemos desfrutar do nivel acadado por moitos deportistas que con apenas 8 anos esfórzanse en executar os mellores movementos propios dos loitadores de elite.
Os vilalbeses a pesares de ter unha boa actitude durante a competición, notouselles a falla de rodaxe nesta tempada que hai pouco máis dun mes que comezou para eles. A pesares disto todos subiron ao podio colocando a Vilalba no 6º posto na clasificación por equipos.
O loitadores vilalbeses que viaxaron a Melide foron: Fermín e Raúl Sanz Cendán, Samuel García Miragaya, Angel García Yañez, Brais Arias Apenela, Carlos García e Roberto Díaz Orosa.

xoves, 8 de novembro de 2012

NOVA ESCOLA DEPORTIVA DE LOITA DE XERMADE

I.Paredes durante o descanso dun combate
Dende hai un par de semanas os rapaces de Xermade poden practicar e coñecer este milenario deporte da man dun dos técnicos do Club de Loitas Olímpicas de Vilalba. Iván Paredes será o responsable deste grupo que en principio adestrarán os venres de 16:00 a 17:00 horas.
Iván foi varias veces campión galego e medallista dos campionatos de España das diferentes categorías e leva varios anos colaborando coas categorías inferiores do club vilalbés acadando importantes resultados como adestrador. Sen dúbida esta é unha grande oportunidade para os nenos e nenas de Xermade de poder practicar un deporte divertido e saudable da man dun dos mellores técnicos cos que se pode contar.
Ao longo das próximas semanas comezarán a funcionar novas escolas deportivas no entorno da comarca da Terra Chá. Tralas actividades de promoción realizadas nos centros educativos da comarca, serán varios os concellos que acollan estas actividades coordinadas polos técnicos do club vilalbés e a Federación Galega de Loita.