luns, 19 de marzo de 2012

VILALBA CLASIFÍCASE PARA A FINAL DA LIGA DE DEPORTE DE BASE



O Club de Loitas Olímpicas acudiu con 17 deportistas á fase norte da xornada de competición  deportiva en idade escolar que se celebrou no Pavillón Municipal de Frigsa en Lugo. Os nosos deportistas que aínda se amosaron un pouco verdes nesta primeira competición da tempada, lograron colocarse no terceiro posto clasificándose así para a fase final da Competición Deportiva en Idade Escolar que terá lugar en Compostela o próximo 19 de Maio. Nesa xornada de liga Vilalba disputarase o título de campión galego entre os 6 mellores clubs de Galicia.
Non nos podemos esquecer dos  outros clubs lucenses que participaron esta fin de semana en Lugo, e que a pesares do súa boa acutación non puideron clasificarse para a loita pola final. A pesares de gañar a maioría dos enfrontamentos Rábade co seu 5º posto e Lugo co 6º non foron capaces de colocarse entre os 3 primeiros debido en gran parte á participación con equipos menos numerosos. Aínda así tanto Rábade como Lugo tentarán obter o primeiro posto da final B que tamén terá lugar en Compostela.
Queremos dar a noraboa aos todos os deportistas que esta fin de semana deron mostra do seu bo traballo.
O equipo vilalbés estivo formado por:
  1. Martín Silvosa Fraga.
  2. Samuel García Miragaya.
  3. Fremín Sanz Cendán.
  4. Hugo Prieto Ardao.
  5. Jose Antonio Paz Eimil.
  6. Raúl Sánz Cendán.
  7. Alejandro Gahthier Sampayo.
  8. Angel García Yañez.
  9. Carlos García.
  10. Roberto Díaz Orosa.
  11. Brais Arias Apenela.
  12. David Ramudo Ares.
  13. Angel Álvarez Rey.
  14. Yeray Calvo González.
  15. Borja Rey Dopico.
  16. Joao Pedro Vieira Lucena. 
  17. Raúl González Seco.

domingo, 11 de marzo de 2012

FRANCISCO MONASTERIO E NICOLÁS LÓPEZ CAMPIÓNS DE ESPAÑA

Éxito dos loitadores da provincia no campionato de España júnior de loitas olímpicas que ven de celebrarse na localidade granadina de Albolote no que o equipo galego acadou catro ouros na totalidade de modalidades.
En libre olímpica o único ouro para a seleción galega foi para o vilalbés Francisco Monasterio en menos de 120 kg que venceu na final ao loitador andaluz por tocado de espaldas.
O outro lucense en Granada, Nicolás López tamén subiu ao máis alto do podio na modalidade de grecorromana en menos de 120 kg consolidando á provincia como unha boa escola de pesos pesados.
Os outros dous ouros para o noso equipo foron das loitadoras Noelia Lalín do Club Keltoi e Lidia Pérez do Club Pontevedra.
Queremos dar a noraboa a todos e darlles ánimos para que continúen a adestrar duro co obxectivo de seren selecionados para participar nas próximas citas internacionais coa seleción española.
Tamén queremos dar o noso ánimo a Ramón Monasterio que por unha doenza de última hora non puido viaxar a Albolte onde seguro traería outro metal para Vilalba, pero con tan só 14 anos aínda terá tempo de brindarnos grandes xestas.

A VASCA MAIDER UNDA 3ª DE EUROPA

A loitadora olímpica Maider Unda volve subir ao podio tras unha gran participación no europeo sénior que acaba de rematar en Belgrado. Maider venceu nas dúas primeiras roldas ás loitadoras francesa e bielorusia respectivamente, e tras perder en semifinasis coa loitadora noruega que acabou por levarse o título, venceu na repesca á deportista acerí facéndose deste xeito co único metal do equipo español.
Noraboa Maider

venres, 9 de marzo de 2012

CAMPIONATO DE EUROPA SENIOR

Rematada a participación de José de Cuba no europeo voltamos quedar cunha sensación agridoce e pouco clarificadora do estado de forma do noso deportista.  Tras librar a primeira rolda, meteuse en oitavos de final onde  cumpriu ao vencer por tocado de espaladas ao eslovaco Hutnan.
En cuartos enfrontariase ao húngaro Ligeti, o que nos deu grandes espranzas ao tratarse dun loitador de nivel moi parello ao de Cuba e un dos seus principais rivais a loitar polas prazas olímpicas a partir do mes de Abril, pero o combate co húngaro foi un xarro de auga fría, especialmente o primeiro asalto onde o Ligeti impúxose con superioridade. Cuba tentou remontar no segundo asalto onde as forzas estiveron máis igualadas pero o hungaro demostrou que chegou a Belgrado nun mellor estado de forma.
A chegada de Ligeti á final fíxonos sentir a amargura do éxito que se escapa, pero tamén lle deu a oportunidade a Cuba de loitar polo bronce na repesca onde perdeu ante un Davit Mozmanashvili moi superior.
Cremos que temos moito que mellorar polo que a próxima semana concentrarémonos no CGTD de Pontevedra para preparar o primeiro clasificatorio de Abril, onde Cuba terá que medirse de novo a Ligeti pero esta vez coa obriga de gañar se quere estar nos Xogos de Londres.

xoves, 8 de marzo de 2012

CAMPIONATO DE ESPAÑA JUNIOR E ESCOLAR DE LOITAS OLÍMPICAS

O equipo galego de loitas olímpicas parte hoxe cara a poboación granadina de Albolote, onde se disputará o campionato de España de loitas olímpicas das categorías escolar e júnior. A representación lucencense verase mermada pola obrigada ausencia de Ramón Monasterio que terá que quedar na casa por prescrición médica tras unha doenza neste últimos días. Ramón era un dos principais favoritos da categoría escolar en menos de 73 kg tras acadar o bronce no pasado campionato de España da categoría cadete.
Deste modo a representación lucense reducirase a Nicolás López en menos de 120 kg grecorromana e Francisco Monasterio en menos de 120 kg en libre olímpica. O lucense tentará revalidar o título acadado na pasada tempada, mentras que o vilalbés viaxa coa ilusión de dar a sorpresa na máxima categoría de libre olímpica.