sábado, 29 de marzo de 2014

VILALBA-XERMADE PASA Á FINAL DA LIGA DE DEPORTE BASE

O Clube Vilalba clasificouse no 3º posto da Xornada Norte de Deporte de loitas olímpicas da Secretaría Xeral para o Deporte que tivo lugar hoxe pola mañá no pavillón municipal dos deportes de Lugo. O equipo estivo formado por deportistas das escolas de Vilalba e de Xermade, e a pesares do baixón de practicantes que sufrimos esta tempada e nesta categoría dun xeito especial, fumos capaces de situarnos entre os 3 primeiros obtendo a praza para a final A da competición de deporte de base que terá lugar o próximo 24 de Maio na localidade pontevedresa de Tui.
José Cuba e Iván Paredes dirixiron moi hábilmente ao equipo que  estivo composto por:

  • Gabriel Blanco Vivero (Xermade)
  • David Piñeiro Amarelo (Xermade)
  • Hugo Ares Barros (Xermade)
  • Adan Blanco Pardo (Xermade)
  • Samuel García Miragaya (Vilalba)
  • Daniel Ameijide Leiras (Vilalba)
  • José Barrio Vilasuso (Vilalba)
  • Martín Pena Lamas (Vilalba)
  • Alejandro Gauthier Sampayo (Vilalba)
  • Ángel García Yáñez (Vilalba)
A pena foi o 5º e 6º posto dos compañeiros de Rábade e Lugo respectivamente pois a pesares de facer un bo papel o resultado non fai xustiza ao magnífico traballo que tanto Marcos Carral (Rábade) como Pablo Pintos (Lugo) están a facer nestes clubs, aínda asi o Rábade e o Lugo estarán presentes na Final B de Tui. Estamos convencidos de que coa apertura de novas escolas na provincia crearase unha corrente de práctica deportiva que beneficiará aos nosos clubs facéndonos en tamaño semellantes aos clubs das Rías Baixas.Noraboa a todos e ánimo!!!

mércores, 26 de marzo de 2014

4 LUCENSES CONVOCADOS POLA SELECCIÓNS ESPAÑOLAS DAS CATEGORÍAS INFERIORES

Tres vilalbeses e un lucense saíron hoxe cara a Murcia para participar na concentración de tecnificación de loitas olímpicas organizada polos seleccionadores españois das diferentes categorías.
Todos os campións de España das categorías cadete e junior participan nesta concentración de onde sairán os mellores preparados para representarnos nos principais torneos e competicións internacionais como europeos e mundiais.
Roberto Díaz, Carlos García e Ramón Monasterio de Vilalba xunto con Nicolás López de Lugo tentarán dar o máximo para que os seleccionadores decidan telos en conta para as viaxes ao estranxeiro.
Precísamente un deses seleccionadores será o tamén vilalbés Nicolás Castro que dirixirá os adestramentos e asesorará sobre o nivel técnico dos diferentes deportistas convocados.
A representación lucense estará aloxada no CAR Infanta Cristina de San Javier e permanecerán concentrados ata a semana que ven.
Boa viaxe e ánimo!!

XORNADA NORTE DE LOITAS OLÍMPICAS DE DEPORTE BASE

Este sábado 29 terá lugar no pavillón municipal dos deportes de Lugo a Xornada Norte de Loitas Olímpicas de Deporte de Base na que participarán varios clubs da provincia coa intención de clasificarse para a final do mes de Maio en Tuí.
Lugo, Rábade e Vilalba mediranse entre eles e tamén con outros clubs da provincia da Coruña na loita por quedar entre os tres primeiros clasificados que daría acceso á final A.
Vilalba viaxará a Lugo con 11 loitadores Alevíns de Vilalba e Xermade.
A xornada será de mañá de 10 a 12 horas.
Moita sorte a todos!!

domingo, 16 de marzo de 2014

O éxito de Cuba no Campionato de España no xornal La Voz de Galicia

JOSE CUBA DE NOVO CAMPIÓN DE ESPAÑA E VILALBA CAMPIONA POR EQUIPOS

 Jose Cuba acada o 11º título de campión de España da máxima categoría de loitas olímpicas. O vilalbés alzouse co título no seu regreso á competición estatal, pero non foi o único vilalbés que subiu ao máis alto do podio. A provincia de Lugo tivo unha grande representación na selección galega e foi decisiva para acadar os primeiro posto por seleccións en libre olímpica na categoría cadete e o segundo posto na categoría sénior, ademáis a selección galega feminina tamén alzouse cos primeiros postos tanto na categoría cadete como na senior.
Os éxitos dos deportistas galegos fannos sentir moi orgullosos, pero o que realmente non enche de ledicia é participación dos loitadores lucenses que como xa dixemos foi decisiva para o triunfo do equipo.
Comezamos cos ouros na categoría cadete libre olímpica acadados polos vilalbeses Carlos García (menos 42 kg), Roberto Díaz (menos de 46kg) e Ramón Monasterio (menos 100kg) que contribuíron a que o Clube Vilalba acadase o título de Campión de España Cadete por clubs. Monasterio acudiu a Madrid como favorito e non fallou ao pronóstico perfilándose como un dos candidatos para acudir coa selección estatal aos torneos internacionais. Roberto e Carlos en cambio alzáronse co ouro da categoría cadete sendo escolares, e aínda que se trata dun bo resultado sen dúbida víronse beneficiados pola pouca participación no campionato seguramente debido á falla de recursos de moitas federacións e clubes estatais.
Ademais dos vilalbeses tamén destacaron os compañeiros do clube Rábade que chegaron todos ás seminifinais nas súas respectivas categorías.Os rabadenses Cristian Pena (menos de 58kg), Cristian Pumares (menos de 63kg) e Angel Campo (menos de 85kg) non puideron subir ao podio a pesares da súa boa actuación, debemos ter en conta que os rapaces adestrados por Marcos Carral estreábanse nun estatal e que aínda son cadetes de primeiro ano. Estamos seguros de que o ano que ven a provincia poderá superar os históricos resultados desta fin de semana.
Xa en senior ademáis do éxito de Cuba (Vilalba) como referente da  loita galega tamén temos que destacar a prata de Nicolás López (Lugo) en grecorromana menos de 120 kg. Nicolás que hai dúas semanas alzouse co título estatal da categoría júnior, chegou á final con facilidade caendo na loita polo ouro ante o manchego Pedro Amalio.
En senior tamén destacou a participación do vilalbés Jose Luis Puentes (Vilalba) que acadou o 5º posto en libre olímpica menos de 86 kg, na mesma categoría tamén loitou David Grandío (Rábade) que caeu na primeira rolda no seu estreo nunha competición deste nivel.
Na modalidade de grecorromana tamén tivemos representación, e acompañando á prata de Nicolás estivo Pablo Chao (Vilalba, menos de 75kg) e Martín Vázquez ( Rábade, menos de 98kg) que non subiron ao podio pero deixaron boas sensacións aos seleccionadores desprazados a Madrid.
Agora o clube dará descanso aos deportistas para que se recuperen da competición e comecen a prepararse para as concentracións e eventos internacionais para os que sexan convocados polos seleccionadores españois.
Noraboa a todos e ánimo pra seguir traballando!!!

domingo, 2 de marzo de 2014

NICOLÁS LÓPEZ E CARLOS GARCÍA CAMPIÓNS DE ESPAÑA

Os loitadores lucenses tiveron unha destacada actuación esta fin de semana nos campionatos de España das categorías Escolar e Júnior que se celebraron no pavillón exterior do Consello Superior de Deporte de Madrid.
Nicolás López (Club de Loita Lugo) e Carlos García (Club Vilalba) foron os grandes triunfadores ao acadar sendos ouros nas súas respectivas categorías. Nicolás impúxose na categoría Júnior menos de 120 kg na modalidade de grecorromana obtendo así o seu terceiro título estatal da categoría.
Carlos debutou na categoría escolar en menos de 42 kg vencendo a todos os seus rivais cunha habilidade e actitude inusuais nun deportista da súa idade.
Xunto a Nicolás e Carlos, a participación de varios deportistas lucenses fixeron que a provincia fose decisiva para que o equipo galego rematase no 2º posto por seleccións tanto en escolar como na categoría júnior. Asi que tamén queremos destacar a prata de Ramón Monasterio (Clube Vilalba) en menos de 100 kg libre olímpica da categoría júnior que chegou á final sendo aínda cadete. En escolar, Roberto Díaz (Clube Vilalba) menos de 47kg e Jonathan Pernas (Club Rábade) en menos de 76 kg non puideron subir ao podio aínda que lograron o 5º e 8º posto respectivamente.
A próxima cita para os nosos deportistas será o próximo 15 de Marzo nos campionatos de España das categorías cadete e sénior, e onde a representación de deportistas lucenses será aínda maior.
NORABOA A TODOS!!!