domingo, 26 de outubro de 2014

EXITO DAS V XORNADAS INTERNACIONAIS DE LOITAS OLÍMPICAS DE VILALBA

Máis de 70 deportistas participaron esta fin de semana nas quinta edición das Xornadas Internacionais de Loitas Olímpicas que tiveron como especial atracción a presenza do seleccionador do equipo feminino de Italia Michele Liuzzi.
A dirección do club vilalbés tivo que limitar as inscricións debido a gran cantidade de solicitudes de interesados de todas as parte do estado para acudir aos adestramentos deste fenómeno italiano. Michele é un adestrador de recoñecido prestixio internacional e viaxa por todo o mundo compartindo a súa experiencia por preto de 150 países diferentes. Unha parte do ano a pasa nos Estados Unidos, lugar no que é ben estimado e onde este deporte resulta ser un dos máis populares entre os escolares americanos.
As xornadas comezaron o venres pola mañá coa colaboración do IES Basanta Silva onde Michele deu unha charla  sobre os beneficios da práctica deportiva e respondeu ás preguntas de varios alumnos interesados. Logo o seleccionador italiano dirixiu varios adestramentos o venres e o sábado baseados naquelas técnicas que xa lle deran prestixio mundial como deportista.
Sentímonos moi afortunados de poder contar con Michele en Vilalba pois non estaba na nosa imaxinación poder contar con esta figura nas nosas xornadas, en primeiro lugar pola axenda do noso amigo italiano e en segundo polo seu elevado caché ao que soamente federacións estatais ou grandes clubs poden facer fronte. En realidade foi a intermediación do vilalbés Nicolás Castro o que fixo posible a presenza de Michele na nosa vila. Ambos comparten unha amizade de hai anos que comezou cando eran deportistas dos seus equipos estatais e que agora seguen a alimentar dende os seus postos como técnicos.
Agardamos que esta actividade fose moi proveitosa para os nosos deportistas e para todos os loitadores dos clubs convidados e cremos que é posible darlle un maior impulso para as próximas edicións ofertando un campus internacional con xóvenes deportistas de todo o mundo que convivan cos loitadores galegos durante varios días.
Queremos darlle as grazas á Deputación Provincial por financiar esta actividade única no territorio galego, ao Concello de Vilalba e á federación galega por facilitarnos a organización e dun xeito moi especial a Nicolás Castro por facer posible que Michele estivese en Vilalba e como non, ao propio Michele por colocar a  Vilalba na súa axenda entre Berlín e New York.






VER MÁIS FOTOS

luns, 6 de outubro de 2014

XORNADAS DE TECNIFICACIÓN DE VILA DE CRUCES


O pasado fin de semana varios deportistas da provincia desprazáronse a Vila de Cruces para participar nas Xornadas de Tecnificación Deportiva dirixidas e organizadas polos técnicos do Club Keltoi. O crucense e selecionador galego de loita grecorromana Rubén Méndez foi o xefe de tapiz e tivo baixo a súa tutela a preto dos 50 mellores loitadores do noso país.
A expedición lucense estivo composta por 10 loitadores do Vilalba, 7 do Rábade e 3 do Lugo, e destacou a presenza de varios loitadores que posúen na actualidade o título de campións de España nas súas respectivas categorías acompañados doutros deportistas que tamén subiron ao podio nas súas citas estatais. Entre eles destacamos:


  • Carmen Salgado (Club Pontevedra), campiona de España cadete e escolar en loita feminina menos de 52 kg.
  • Lydia Pérez (Club Pontevedra), campiona de España cadete e júnior en loita feminina menos de 60 kg).
  • Noelia Lalín (Club Keltoi), campiona de España Senior en loita feminina en menos de 75 kg.
  • Carlos Yobanni García (Club Vilalba), campión de España escolar e cadete en menos de 43kg.
  • Roberto Díaz (Club Vilalba), campión de España cadete en menos de 47 kg.
  • Nicolás López (Club Lugo), campión de España júnior en loita grecorromana menos de 120 kg.
Da man de Rubén Méndez os deportistas tomaron contacto con algunhas variantes técnicas sobre as que traballar ao longo desta tempada que agora comeza.
A próxima cita para estos deportistas serán as Xornadas Internacionais de Loitas Olímpicas que terán lugar en Vilalba os próximos 24 e 25 de Outubro e que este ano contarán co seleccionador italiano Michele Liuzzi.