martes, 9 de setembro de 2014

SIGUE O CAMPIONATO DO MUNDO DE LOITAS OLÍMPICAS EN DIRECTO

GIMKANA DE XOGOS NAS FESTAS PATRONAIS DE SAN RAMÓN E SANTA MARÍA 2014

O pasado día 2 de setembro tivemos a oportunidade de probar un novo formato de promoción do deporte e da nosa actividade a través dunha gymkana de xogos aberta a todos os nenos e nenas de 6 a 12 anos. A actividade que se desenrolou no marco das nosas festas patronais contou con 32 nenos e nenas que puideron practicar os xogos cos que nos nosos clubes se adestran  as loitadoras e loitadores máis novos. Sogatira, lanzamento de balón, carreiras, loita polo pano ou saltos de lonxitude foron algúns dos xogos nos que os participantes tentaron demostrar a súa forza e habilidade.
A sensación que nos queda é de que foi unha actividade moi divertida e que debérase repetir en próximas edicións variando os horarios e datas para que sexan máis os participantes.
Ao final da mesma cada participante recibiu unha camiseta de loitas olímpicas e, pesares de ser unha actividade lúdica, tamén se repartiron premios  consistentes en vales de 60 € para material escolar canxeables na papelería Carlín para aqueles rapaces que nos seu grupo de idade obtiveron as mellores puntuacións nas probas.
Queremos dar as grazas á Comisión de Festas deste ano polas grandes festas que nos organizaron e tamén por contar con nós para participar directamente nas mesmas, deste xeito puidemos organizar a primeira Gimkana de xogos  cun grande éxito.
 VER FOTOS DA ACTIVIDADE

JOSÉ CUBA CAE EN OITAVOS DE FINAL NO MUNDIAL DE TASHKENT

O vilalbés José Cuba non puido pasar de oitavos de final do campionato do mundo de loitas olímpicas que estase a celebrar na capital de Uzbekistán.
O ruso e campión olímpico Khadzhimurad Gatsalov non lle deu moitas opcións ao vilalbés para pasar de rolda no que foi a súa volta á competición do máis alto nivel. Na súa categoría de menos de 125 kg acabou impoñéndose o turco Taha Akgul que venceu na final ao iraní Komil Ghasemi. Os bronces foron para o propio Gatsalov e o estadounidense Tervel Dlagnev.
O resto do equipo español compartiron a sorte do vilalbés ao caer todos en primeira rolda, sen dúbida unha mágoa pois tiñamos a sensación de contar cun equipo máis competitivo do que amosaron os resultados finais.
En menos de 86 kg, o hispano-ruso Taimaz Friev caeu ante o kajazo Aslan Kakhidze, nunha categoría dominada polo ruso Abdulrshid Sadulaev que venceu na final ao cubano Rainieris Salas. Os bronces de menos de 86 kg foron para o turco Yasar Selin e o iraní Askari Mohammadian.
En menos de 74 kg contamos con Alberto Martínez ao que o uzbeko Rashid Kurvanov venceu tamén na primeira rolda. A nova desta categoría foi a victoria do ruso Denis Tsagush ante o estadounidense e actual campión olímpico Burroughs.
En menos de 57 kg representounos o mallorquín Levan Metriveli que de novo caeu no primeiro enfrontamento ante o iraní Hassan Rahimi que á postre acadou un dos bronces. O ouro levouno o coreano Hyong Il Yang, a prata o georgiano Vladimerkhinche Gashvili e outro bronce o bieloruso Uladzislau Andreyeu.
Na nosa opinión esta seleción ten moito futuro e aínda lle queda tempo para prepararse de cara á clasificación para os Xogos de Río. Agardamos que nas próximas citas teñan máis sorte.
Noraboa a todos!!