luns, 27 de abril de 2015

SAMUEL GARCÍA E GEORGANA DIMITROVA CAMPIÓNS NO XV TROFEO NACIONAL DO KUZUSHI


 Os equipos de Vilalba e Rábade participaron no XV Trofeo Nacional do Clube Kuzushi de Vigo no que participaron varios equipos galegos ademais doutros equipos do estado e portugueses.
Os equipos estiveron conformados por 3 deportistas do Vilalba e 4 do Rábade, e capitaneados por Jose Luís Puentes foron capaces de acadar dúas medallas de ouro e un bronce.
Os ouros foron conquistados polo vilalbés Samuel García Miragaya en alevín masculino e pola rabadense Georgana Dimitrova en escolar libre feminina que ademais foi galardoada co premio á mellor loitadora do torneo.
O bronce chegou da man do rabadense Christian Pena en libre olímpica júnior menos de 66 kg.
O resto dos vilalbeses e rabadenses non puideron subir ao podio ao caer en primeira rolda sen oportunidade de repesca.
Moitas grazas aos compañeiros do Clube Kuzushi por convidarnos a participar neste clásico tan importante no noso calendario.
Noraboa a todos e a seguir traballando¡¡¡

domingo, 19 de abril de 2015

O EQUIPO VILALBA-XERMADE PRIMEIRO NA XORNADA NORTE DO XOGADE

O equipo Vilalba-Xermade ven de clasificarse no primeiro posto por equipos na Xornada Norte de Deporte Base de Loitas Olímpicas do programa XOGADE que se disputou este sábado no Pavillón "Infanta Elena" de Lugo en xornada de mañá.
En total participaron 6 equipos con máis de 100 nenos e nenas entre os 6 e os 12 anos e que gozaron e fixeron gozar aos asistentes cos seus primeiros pasos no deporte da loita.
A pesares de que esta actividade ten unha maior compoñente lúdica, os 3 primeiros equipos clasificados en cada xornada pasan á final B que se celebrará na Estrada o próximo 9 de maio, e outro ano máis o Vilalba-Xermade disputará entre os 6 mellores clubs galegos a final A.
A clasificación final por equipos foi a seguinte:
1º- Loita Olimpica Vilalba 111 pts.
2º- Escola Ayude de Melide. 99 pts
3º- Club De Loita Keltoi Cruces 94pts.
4º- Lugo Loita Olímpica 45pts.
5º- Loita Stellae 40pts.
6º- Club de Loita Rábade. 34pts.

O noso equipo estivo dirixido polo noso adestrador Jose Luís Puentes e contou coa colaboración de Ramón Monasterio e Carlos Yobanni García para axudar aos 22 deportistas desprazados á capital lucense.
O equipo estivo formado polos seguintes integrantes das escolas deportivas de Xermade e Vilalba:
  • Hugo Ares Barros (Xermade).
  • José Barrio Vilasuso (Vilalba).
  • Samuel García Miragaya (Vilalba).
  • David González López (Xermade).
  • Luis Pena Doce (Xermade).
  • Martín Pena Lamas (Vilalba).
  • Fermín Sanz Cendán (Vilalba)
  • Raul Sanz Cendán (Vilalba).
  • Aroa Blanco Prieto (Xermade).
  • Marta de Bernardo Eimil (Xermade).
  • Sabela Gómez Ares (Xermade).
  • Uxía Gómez Ares (Xermade).
  • Carlos Merodio Coira (Xermade).
  • Sarai Paz Prieto (Xermade).
  • Uxía Pena Basanta (Xermade).
  • Jesús Prado Rodríguez (Vilalba).
  • Samuel Prieto Hernández (Xermade).
  • Adrián Ramil García (Xermade).
  • Héctor Somoza García (Vilalba).
  • Nicolás González Díaz (Vilalba).
  • Xoel López Roibás (Xermade9.
  • Adán Blanco Pardo (Xermade).
Os compañeiros do Lugo e Rábade deron unha mostra do bo traballo que están a facer Pablo Pintos e Marcos Carral nas súas escolas a pesares dos resultados, nos que prima o número de nenos e nenas inscritos. Como xa dixemos o importante é que os nosos rapaces e rapazas o pasen ben e desfruten de facer deporte.
Noraboa a todos e agardamos que todos o pasaran ben que é o que buscan estas actividades.

PRATAS PARA ROBERTO DÍAZ E JOSÉ CUBA NO CAMPIONATO DO MEDITERRÁNEO

Os vilalbeses convocados pola selección española para desputar o Campionato Internacional do Mediterráneo celebrado en Madrid este sábado lograron sendas pratas contribuíndo ao éxito do equipo estatal na clasificación final.
Roberto Díaz Orosa en 50 kg libre olímpica Cadete alzouse co segundo posto tras vencer a Jonathan García e perder na final ante o actual campión de España Oscar Izaguirre.
Pola súa banda, José Cuba Vázquez en 125 kg libre olímpica Sénior gañou en primeira rolda co portugués Joao Mimoso e en semifinais co grego Aris Theodoroudis. Na final non puido batir ao tamén grego e bronce mundialista Ioannis Arzoumanidis que se impuxo por puntos técnicos.
Queremos destacar os éxitos dos outros galegos convocados para a cita mediterránea como foron o bronce de Omar Rodríguez (Sabarís) en cadete libre olímpica menos de 63 kg, ouros de Carmen Salgado (Pontevedra) e Judith Varela en cadete libre feminina menos de 52 kg e menos de 65 kg, o bronce de Iris Miguélez (Pontevedra) en cadete libre feminina menos de 60 kg e o bronce de Damián Iglesias (Touro) en sénior libre olímpica menos de 97 kg.
Noraboa a todos e a traballar para as próximas citas!!

domingo, 12 de abril de 2015

JOSE CUBA E CATRIEL PEHUÉN DOMINAN OS PESOS PESADOS DA COPA DE ESPAÑA

Vilalba estase a convertir no bastión dos pesos pesados da loita española, e é que tras gañar os pasados campionatos de España absolutos hai apenas 15 días, José Cuba 125 kg Libre Olímpica e Catriel Pehuén 130 kg Grecorromana, repiten o éxito subindo ao máis alto do podio na Copa de España que ven de celebrarse na capital do estado.
En total o equipo galego alzouse con 4 ouros, ademais dos de Cuba e Pehuén do Vilalba tamén conseguiron o prezado metal Lydia Pérez (Pontevedra) e Sara Viéitez (San Ignacio). Damián Iglesias (Touro) e Noelia Lalín (Keltoi) chegaron á final tendo que conformarse cunha meritoria prata que os afianza como uns dos favoritos nas súas respectivas categorías.
A próxima cita importante será o internacional Campionato do Mediterráneo que de novo dará cita na capital madrileña aos mellores loitadores dos países mediterráneos. Unha boa proba para Jose Cuba de cara a avaliar o  seu estado de forma de cara aos preparatorios para o Mundial de Las Vegas en setembro. Cuba estará acompañado de Roberto Díaz Orosa que, na categoría cadete,  participará por primeira vez nun internacional deste nivel. Pehuén pola súa banda non poderá estar no Campionato do Mediterráneo por atoparse aínda cos trámites para arranxar a súa nacionalidade.
Noraboa e boa sorte a todos nas próximas citas¡¡

domingo, 5 de abril de 2015

CONCENTRACIÓN INTERNACIONAL DE TORRE DEL CAMPO

Hoxe regresan os nosos deportistas da concentración internacional de loitas olímpicas de Torre del Campo (Jaén), na que participaron varios equipos de España, Italia e Hungría.
Os nosos cadetes liderados por Jose Luís Puentes puideron compartir experiencias e adestramentos cos mellores loitadores doutros estados na busca da mellora do seu rendemento deportivo de cara ás próximas citas deportivas.
A nosa presenza nesta actividade foi grazas á intermediación de Nicolás Castro que posibilitou a invitación da Antonio Jimenez, responsable da actividade e do Club Power de Torre del Campo.
Durante unha semana máis de 50 deportistas adestraron baixo a supervisión do propio Antonio Jimenez e de adestradores de recoñecido prestixio internacional como o Italiano Michele Liuzzi, xa coñecido polos vilalbeses pola súa presenza nas pasadas Xornadas Internacionais de Loitas Olímpicas de Vilalba.
Esta semana formalizaremos a inscripción de Roberto Díaz Orosa para participar no Campionato do Mediterráneo dentro de 15 días.