domingo, 27 de decembro de 2015

FESTA HQR DE PONTEVEDRA

Varios loitadores lucenses acudiron onte a esta nova edición da Festa HQR de Pontevedra para desputar o xa tradicional campionato de peche de tempada.
Entre eles queremos destacar os primeiros postos de Nicolás López (Lugo) en menos de 125 kg sénior, Roberto Díaz (Vilalba) en menos de 58 kg Cadete, Yago López (Vilalba) en menos de 100 kg Cadete e Laura Arias (Rábade) en menos de 55 kg Cadete Feminino.
Xa rematada esta tempada os nosos deportistas tormarán uns días de descanso coa mirada posta nos campionatos galegos do mes de xaneiro, proba determinante para poder participar nos estatais de 2016.
Norabaoa a todos e felices festas!!

martes, 22 de decembro de 2015

CONCENTRACIÓN COA SELECCIÓN ESPAÑOLA ESCOLAR E CADETE NO CGTD DE PONTEVEDRA

 Os loitadores vilalbeses Carlos Yobanni García e Roberto Díaz Orosa foron convocados para participar na concentración dos equipos españois da categoría cadete que se celebrou esta semana no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.
Os vilalbeses estiveron baixo as ordes de Francisco Barcia e Oscar Sánchez, respectivos seleccionadores das modalidades de libre olímpica e de grecorromana. Ademáis dos seleccionadores, os nosos deportistas contaron coa axuda dos técnicos de apaio das seleccións españolas, Antonio García (Jaén) , Roberto Cano(Barcelona) e Nicolás Castro, este último tamén de Vilalba.
Con esta actividade, xa son 7 as concentracións deportivas nas que os deportistas das categorías inferiores puideron participar, todo isto non sería posible sen as facilidades e apoio tanto da federación galega como da federación española de loita. Ambas entidades traballaron duro para traer á nosa terra as actividades dos equipos españois, facilitando a presenza de moitos loitadores galegos.

VI XORNADAS INTERNACIONAIS DE LOITAS OLÍMPICAS


Máis de 70 deportistas participaron na sexta edición das xornadas deportivas de loitas olímpicas de Vilalba que este ano tivo como convidado a Francisco Sánchez Parra. O adestrador balear é o mellor loitador español de loita libre tras acadar o bronce nos campionatos de Europa na categoría de menos de 55 kg e a clasificación para os Xogos Olímpicos de Beijin 2008. Como adestrador tamén temos que destacar os éxitos acadados con Karima Sánchez, campiona de Europa cadete e medallista no mundial júnior. Por todo isto e moitísimo máis, Francisco acaba de recibir a medalla ao mérito deportivo do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
A pesares da falla de recursos, agardamos poder manter esta actividade no noso calendario xa que son moitos os adestradores e deportistas que amosaron o seu interese por acompañarnos nas futuras edicións.
O venres 11 os máis pequenos das escolas de Vilalba e Xermada participaron nunha sesión dirixida polo campión balear na que  predominaron os xogos e as habilidades de iniciación. O venres tamén se levou a cabo unha sesión dirixida aos máis maiores nos que Fran amosou algúns dos trucos que lle deron tantos éxitos.
O sábado houbo dúas sesións de mañá e tarde e ademáis de ampliar o traballo anterior, tivemos a sorte de poder compartir adestramento cos compañeiros de Asturias e doutros clubs galegos como o Pontevedra, Keltoi de Vila de Cruces, Stellae, Rábade, Lugo e Touro.
En xeral todos os participantes amosáronse contentos co resultado das xornadas e insistiron e repetir convidando a Fran Sánchez para próximas edicións.
VER MÁIS FOTOS

mércores, 2 de decembro de 2015

CATRIEL PEHUEN TRIUNFA EN AMÉRICA

Hai preto de dous meses cansado de falla de oportunidades laborais e deportivas a pesares do esforzo e adicación coa que acostumaba a traballar en cada proxecto que emprendía, o noso loitador decidiu emprender a aventura americana voltando á terra da súa orixe convencido de que o destino lle reservaba outros plans que non se atopaban no languidecer lucense.
Catriel Pehuén naceu na Arxentina, en Distrito Federal o 10 de xaneiro de 1993. Con apenas oito anos chega a Valencia no seo dunha familia que busca novas oportunidades, pero non sería ata os 18 anos cando  chega a Vilalba e comeza a practicar loitas olímpicas neste clube.
Acostumados á presenza no noso clube de pesos pesados de primeiro nivel, non foron os seus máis de 190 cm nin os seus preto de 110kg nun rapaz de 18 anos o que máis nos chamou a atención. O que nos fixo ver a un rapaz diferente foi a súa adicación, entusiasmo e ambición en cada adestramento. Para el nunca remataba a sesión, sempre quería facer máis e aprender cousas novas. Dende o primeiro día a derrota non o deixaba impasible, había que buscar unha resposta a cada punto perdido e para calquera que traballe na competición sabe que isto é o piar fundamental do éxito. Catriel o tiña.
A pesares dos seus progresos apenas podía participar en competicións ao non contar coa nacionalidade española, algo que cambiou cando a Federación Española permitiu a participación dos residentes nas competicións oficiais de ámbito estatal. E é así como este ano proclamouse campión da Copa de España e Campión de España en menos de 130 kg en loita grecorromana. Aínda así este sería o máximo ao que podería aspirar pois a falla dunha nacionalidade que non da chegado non lle permite participar en enventos de carácter internacional.
Consciente disto e convencido de que a loita é a súa pasión, decide facer as maletas e probar sorte na súa terra de orixe.
Era difícil saber que todo lle sairía así e aínda ten moito polo que  loitar, pero de momento acaba de proclamarse Subcampión Sudamericano en libre olímpica 125 kg e o estado arxentino concedeulle unha beca económica mensual e unha praza de residente no CENARD (Centro Nacional de Alto Rendemento Deportivo) coa Selección Arxentina. Esta fin de semana medirase nunha proba clasificatoria para poder formar parte do ciclo preolímpico para Río 2016. Si todo lle sae ben agarda poder representar a Arxentina en menos de 130 kg grecorromana nos clasificatorios e quen sabe, igual este modesto club conta con dous deportistas nos Xogos de Río 2016.
Desexámoslles toda a sorte do mundo porque a merecen!!