venres, 29 de decembro de 2017

VII XORNADAS INTERNACIONAIS DE LOITAS OLÍMPICAS DE VILALBA

Rematamos o ano poñendo fin á sétima edición dunhas xornadas que nesta ocasión tiveron como padriño ao noso amigo Alexis Rodríguez. O campión do mundo fíxonos disfrutar durante estes dous días da súa fonda experiencia así como do seu bo humor que nos contaxiou a todos en cada sesión.
Este ano non tivemos unha gran participación de deportistas doutros clubs, seguramente as datas e a celeridade na organización do evento non favoreceu a asistencia coa que contamos nas pasadas edicións pero aínda así a moitos dos nosos deportistas puideron disfrutar da experiencia durante os dous días das xornadas.
Alexis segurirá adestrando no club ata mediados de xaneiro, momento no que irá a traballar a Marruecos como director de adestramento do Centro Olímpico de África contratado pola federación internacional.
VER MÁIS FOTOS

mércores, 27 de decembro de 2017

VII XORNADAS INTERNACIONAIS DE LOITAS OLÍMPICAS

Este ano contamos coa presenza de Alexis Rodríguez Valera que ven estar axudándonos nas pasadas datas coa preparación dos nosos deportistas máis destacados. O campión do Mundo compartirá durante estas xornadas algúns dos seus trucos que o levaron a dominar durante varios anos a categoría dos pesos pesados e a convertilo nun dos referentes deste deporte a nivel mundial.
O club que contaba con poder disfrutar dos servizos do cubano ata os Xogos de Tokio 2020 empregará esta xornada para rematar o traballo con Alexis que acaba de asinar un contrato coa Federación Internacinal (United World Wrestling) para dirixir os adestramentos do centro olímpico de África situado en Marrocos. Estas xornadas serán tamén o inicio dunha serie de actividades regulares que manteremos en colaboración con Alexis como director do centro africano para que os nosos deportistas podan asistir regularmente a adestrar a Marrocos e o propio Alexis manteña un réxime de visitas periódicas a Vilalba coa intención de axudar aos vilalbeses que teñen como obxectivo os Xogos de Tokio.
Lembrar que a xornada do venres está aberta a todos os clubs e deportistas que desexen participar e que informen previamente ao club a través do teléfono de contacto ou do email (loitaolimpicavilalba.blogspot.com).
Desexamos que desfrutes todos deste fenómeno como nós o fixemos nesta tempada na que nos acompañou.
Felices festas a todos!

venres, 22 de decembro de 2017

MELLOR CLUB DE VILALBA 2017

De novo a nosa entidade foi recoñecida como o mellor club vilalbés da tempada 2017 na segunda Gala do Deporte Vilalbés que se celebrou o pasado 8 de decembro no Auditorio Municipal de Vilalba.
É unha honra ser recoñecido con este galardón nun pobo que é referencia a nivel deportivo na nosa terra e se por riba dase o caso de repetir recoñecemento por segundo ano consecutivo o orgullo é doble.
Agradecer ao membros do xurado por ter valorado a nosa proposta e escollernos entre algúns dos mellores clubs galegos cos que compartíamos candidatura como o Racing Club Vilalbés que milita na 3ª división española de fútbol e o Club Moo Duk Kwan de Taekwondo.
Varios dos nosos deportistas tamén estiveron nominados en varias categorías como Samuel García Miragaya como mellor promesa e Roberto Díaz Orosa e Ramón Monasterio como mellores deportistas.
Moita grazas a todos e noraboa aos galardoados¡

martes, 28 de novembro de 2017

CARLOS YOBANI GARCÍA CONVOCADO COA SELECCIÓN ESPAÑOLA NO CAR DE MADRID

O vilalbés Carlos Yobani García acaba de comezar unha semana de adestramentos coa Selección Española no CAR de Madrid onde traballará baixo a supervisión de Francisco Barcio, responsable do grupo de alto rendemento do centro que o CSD ten en Madrid e que aglutina á maioría dos talentos deportivos desta modalidade.
Para Carlos é unha boa experiencia poder adestrar e ser convocado polo equipo absoluto pois supón todo un aliciente para un júnior de primeiro ano. Temos que lembrar que a convocatoria de Carlos ven despois dunha manífica tempada na que acadou a prata no estatal júnior e o bronce no absoluto, ademais dos bos resultados acadados nas competicións internacionais como a de xóvenes talentos, Internacional de Krasnik ou o Gran Premio.
O vilalbés estará acompañado doutro lucense, Nicolás López (Club Lugo) que baixo as ordes de Oscar Sánchez traballará co grupo de grecorromana co obxectivo de gañar o estatal absoluto de 2018, proba na que a priori parte como favorito.
Noraboa aos dous!

domingo, 26 de novembro de 2017

SAMUEL GARCÍA MIRAGAYA CAMPIÓN DO GRAN SLAM DE BRAGA

O vilalbés Samuel García Miragaya acaba de proclamarse campión do Gran Slam de Braga que se celebrou onte en xornada de mañá e tarde no Pavillón Municipal de Tibâes e no que o equipo galego liderado por Rubén López e Alfredo Marcuño acadou o 1º posto por equipos.
 Samuel desputaba deste xeito a súa primeira cita internacional como escolar nunha xornada na que os escolares e cadetes galegos puideron desputar un gran número de enfrontamentos que lles axuden a coller experiencia.
O vilalbés comoezou a practicar loita aos 7 anos e esta tempada foi becado como deportista no CGTD de Pontevedra onde compaxinará os adestramentos diários cos estudos de 3º da ESO, foi varias veces campión galego Escolar e incluso da categoría Cadete sendo aínda escolar de primeiro ano e acadou o 5º posto nos pasados campionatos de España da categoría escolar que se celebraron en Oviedo. Sen dúbida unha das grandes promesas da loita vilalbesa e galega.
Por parte da escola de Rábade salientar os flamantes ouros de Gergana Dimitrova e Laura Arias e o bronce de Jonathan Pernas. Gergana esta tempada colgouse o ouro no campionato galego cadete e o bronce no de España, mentras que Laura colleitou o ouro no galego júnior, prata no senior e un 6º posto no campionato de España júnior. Sen dúbida unha mostra do gran traballo que está a desenrolar Marcos Carral na escola rabadense que este ano proclamouse por primeira vez campión galego júnior feminino por equipos.
A participación lucense pechouse co ouro de Nicolás López do Lugo que se atopa nun bo momento e non tivo moita oposición durante toda a xornada posicionándose como un dos favoritos para os próximos estatais de grecorromana.
Aínda que o torneo portugués non é de primeira liña, é unha magnífica oportunidade que a Federación Galega de Loita lles brinda aos deportistas de base para facer competicións con varios enfrontamentos neste período da preparación da tempada, sendo para nós o tipo de torneos a escoller para que os máis novos collan experiencia e desfruten da competición.

Noraboa a todos!

venres, 24 de novembro de 2017

JOSE CUBA ACADA A PRATA NO 34 HENRI DEGLANE DE NIZA


O noso deportista máis internacional ven de acadar a prata no tradicional Torneo Internacional Henri Deglane de Niza. Cuba que non chegaba ao 100% por unha pequena inflamación no xeonllo que se lle complicou na última semana tivo unha boa competición caendo na loita polo primeiro posto ante o estadounidense Zack Rey por superioridade técnica.

Aínda que a competición non tivo a rivalidade doutras ocasións, seguramente debido á coincidencia nas datas co mundial Sub23 que se está a desputar en Polonia, os loitadores participantes foron todos de primeiro nivel mundial dando a oportunidade aos nosos deportistas de medirse ante os mellores antes de rematar o ano.
En xeral o equipo español desprazado a Francia entre os que se atopaban 3 galegos, Noelia Lalín e Pablo García xunto ao vilalbés Cuba, tivo unha salientable participación cargada de medallas e varios primeiros postos.
Agora toca a seguir preparando a próxima tempada e deterse un pouco na recuperación funcional das lesións que comezan a castigar a algúns dos nosos deportistas.
Noraboa a todos!

xoves, 23 de novembro de 2017

FIN DE SEMANA DE TORNEOS INTERNACIONAIS

Esta fin de semana teremos a varios dos nosos deportistas repartidos entre Francia e Portugal para desputar os clásicos torneos internacionais de fin de ano que sirven como preparatorios de cara á próxima tempada.
Así José Cuba desputará en Niza a 43 edición do prestixioso Torneo Internacional Henri Deglane que aglutina a algúns dos mellores loitadores do mundo.
Os máis pequenos pola súa banda desprazarnase a Braga (Portugal) para participar no Gran Slam de Braga, destacar a participación de Samuel García Miragaya que tras comezar este ano a adestrar no CGTD de Pontevedra estrearase no seu primeiro torneo internacional.
Moita sorte a todos! 

sábado, 18 de novembro de 2017

3 vilalbeses no Triangular Internacional de Pontevedra

Os vilalbeses Ruben Fraga Cal, Samuel García Miragaya e Martín Pena Lama, veñen de desputar o Triangular Internacional que organizaron na cidade do Lérez as Federacións Española e Galega de loitas olímpicas co obxectivo de darlle rodaxe competitivo aos novos talentos da loita española.
En total desputáronse máis de 130 combates nas 7 categorías de peso masculino e feminino a través dun sistema nórdico de competición (todos contra todos), o que facilitou que cada deportista puidese loitar varios combates entre os diferentes rivais.
Samuel foi o que mellor resultados acadou ao gañar dous dos catro combates desputados acadando o 3º posto. Pola súa banda Martín e Rubén tiveron que conformarse co 5º e 4º posto respectivamente.
Os resultados son bastante bos e dannos unha idea das cousas a mellorar neste inicio de tempada. Agás Samuel, que se atopa becado no CGTD de Pontevedra adestrando baixo a supervisión de Alexander Katchalaev, o resto dos nosos escolares e cadetes comezarán esta semana a correxir os erros e potenciar as virtudes que amosaron nesta magnífica competición.
Dende aquí felicitar en primeiro lugar aos nosos deportistas e tamén ás federacións Española e Cadete por esta magnífica iniciativa que agardamos teña novas edicións ao longo da tempada.

domingo, 8 de outubro de 2017

CARLOS YOBANNI ACADA O 5º POSTO EN KRÁSNIK

O noso deportista acada un meritorio 5º posto no internacional de Krasnik de Polonia tras desputar 5 enfrontamentos gañando 3 deles nun evento do máximo nivel.
Carlos caeu en primeira rolda ante o ruso Marid Dramaldinov, tendo a posibilidade de loitar polo bronce tras vencer os seus seguintes enfrontamentos ante o compañeiro de selección José Ojeda e os polacos Patrick Goluchowsky e Seweryn Birski. Na loita polo bronce caeu nun duro enfrontamento ante o representante de Ucrania Vladislav Rich.
Temos que facer unha moi boa valoración da participación de Carlos neste evento de primeiro nivel tendo en conta que aínda é júnior de primeiro ano e que se estraba nunha categoría de peso superior.
Nas próximas semanas levaremos a cabo unha valoración dos erros técnico-tácticos da man do cubano Alexis Rodríguez para tentar chegar nun estado competitivo óptimo para as principais citas do 2018.
Da actuación en Polonia tamén temos que destacar a bo desempeño de todo o combinado español e dun xeito moi especial a das loitadoras galegas Nerea Pampín (Keltoi) que acadou o bronce e Lydia Pérez (Pontevedra) que adxudicouse unha meritoria prata tras perder a final ante a bielorusia Veronika Eismant.
Noraboa a todos e a seguir preparando a tempada que logo comeza!!

mércores, 4 de outubro de 2017

CARLOS YOBANI GARCÍA LOITARÁ ESTA FIN DE SEMANA EN POLONIA

O vilalbés Carlos Yobani García Sarita acudirá convocado coa selección española ao XXVII Torneo Internacional de Krasnik (Polonia) para desputar este sábado o primeiro torneo internacional de máximo nivel da tempada.
Carlos loitará na categoría júnior en menos de 66kg probando o seu rendemento neste novo peso tras subir dende os 60 kg da pasada tempada.
Tras a súa preparación en Vilalba coa axuda do campión mundial Alexis Rodríguez agardamos que este sexa un ano moi proveitoso para o noso deportista que ten entre os seus obxectivos os campionatos de España júnior e participación dos principais campionatos internacionais no 2018.
Carlos viaxará a Polonia acompañado doutros galegos como Diego Otero, Lydia Pérez, Judith Varela e Nerea Papín.
Ánimo e moita sorte a todos!

martes, 3 de outubro de 2017

O VILALBÉS SAMUEL GARCÍA MIRAGAYA BECADO NO CGTD DE PONTEVEDRA

O loitador vilalbés acaba de comezar unha nova tempada como deportista becado no CGTD de Pontevedra onde compaxinará os adestramentos diários de loita cos seus estudos de 3º da ESO.
Samuel que leva dende o 7 anos practicando loitas olímpicas foi selecionado polos técnicos federativos tras acadar nesta tempada os títulos dos campionatos galegos nas categorías escolar e cadete.
En Pontevedra terá a oportunidade de explotar todo o seu potencial deportivo ao tempo que continúa coa súa formación, algo moi compricado para a maioría dos deportistas nas súas casas. O seu principal obxectivo para este ano é acadar o título de Campión de España da categoría escolar seguindo así os pasos doutros vilalbeses como Roberto Díaz Orosa ou Carlos Yobani García.

luns, 7 de agosto de 2017

DESCANSO PARA OS NOSOS DEPORTISTAS TRAS UNHA BOA TEMPADA

Rematada a concentración internacional de Madrid na que participaron os vilalbeses José Cuba e Carlos Yobani co obxectivo, no caso do primeiro, de acadar unha das poucas prazas  para o mundial de agosto en París regresan a casa contentos polo nivel acadado na propia concentración e no anterior Gran Premio de España aínda que, no caso de Cuba, cunha certa sensación de frustración ao non estar definitivamente entre os seleccionados para París 2017.
Toca agora descansar e recompoñerse das pequenas lesións tras tanto esforzo e crear as bases sobre as que se asentará o duro traballo que lles agarda a partir do mes de setembro, datas nas que comezaremos os adestramentos diarios coa vista posta últimos torneos internacionais do 2017.

domingo, 16 de xullo de 2017

JOSE CUBA ACADA O BRONCE NO GRAN PREMIO DE ESPAÑA

O vilalbés José Cuba ven de acadar o terceiro posto no Gran Premio de España que se acaba de celebrar no Pavillón do CSD de Madrid e que contou na modalidade de libre olímpica cun centear de loitadores de 20 países diferentes.
Cuba acadou o bronce tras vencer na repesca ao canadiense Korey Jarvirs aos puntos técnicos. Previamente, o vilalbés, caeu ante o iraní Amin Taheri Jafar que tras acadar o final deulle ao noso deportista a posibilidade de loitar polo bronce. En tódolos combates puidemos constatar o bo estado de forma do noso deportista así como os progresos acadados nestas semanas de adestramento en Vilalba co campión mundial Alexis Rodríguez.
Carlos Yobani tamén tivo a oportunidade de disputar o torneo aínda que con diferente sorte. O vilalbés participou na en menos de 60 kg caendo en primeira rolda contra o sudafricano Combrink por superioridade técnica. Temos que lembrar que Carlos é aínda júnior de primeiro ano e que disputou un gran combate no que incluso chegou a puntuar.
O torneo, que outro destacou polo seu nivel, contou con finguras como os campións olímpicos do equipo estadounidense Kyle Snyder e Jordan Borroughts e outras figuras medallistas olímpicas e campións mundiais como o italiano Frank Chamizo ou o francés Zelimkhan Khadjiev.
Os nosos deportistas permanecerán agora concentrados en Madrid onde seguirán adestrando con algunhas destas figuras e de onde sairá o equipo español que participará nos próximos mundiais de París no mes de agosto.

venres, 14 de xullo de 2017

CONCENTRACIÓN NOVOS TALENTOS CGTD PONTEVEDRA

Hoxe remata a concentración de novos talentos deportivos de loitas olímpicas do CGTD de Pontevedra que durante dúas semanas mantivo concentrados aos mellores deportistas escolar e cadete con posibilidades de acceder como becados ao centro deportivo.
Rubén Fraga, Samuel García e Martín Pena foron seleccionados tras os logros acadados nos pasados campionatos galegos e de España.
Na concentración tamén participaron Carlos Yobani e Roberto Díaz, un co obxectivo de preparar o Gran Premio de España e o segundo como sparring e axudante de Carlos.
Carlos agarda poder repetir estancia no CGTD para o curso que ven mentras que o resto de vilalbeses poderán ter a posibilidade de escoller praza no centro sempre que se atopen entre as baremación deportivas máis alta e teñan todo aprobado, requisito este último indespensable para poder ter acceso ao CGTD como becado.
Independientemente de todo isto, todos eles amosaron a súa satisfacción pola experiencia e amósanse ilusionados con repetila.

martes, 4 de xullo de 2017

UN CAMPIÓN DO MUNDO EN VILALBA


O cubano Alexis Rodríguez Valera será o responsable da preparación de José Cuba de cara ao próximo Campionato do Mundo que se celebrará en París o próximo agosto. O campión mundial e bronce nos Xogos de Sydney recala de novo en Vilalba para repetir como sparring e adestrador dos varios deportistas que temos nas diferentes categorías das seleccións españolas.
O principal obxectivo desta tempada é o mundial de París, cita á que o vilalbés José Cuba quere chegar en plena forma tras a recuperación dunha grave lesión que o afastou de loitar pola clasificación para Río 2016 e que será clave para amosar aos seleccinadores estatais as súas posibilidades de clasificarse para Tokio 2020. É por iso que dende o club decidimos adicar gran parte do noso presuposto en mellorar as condicións de adestramento daqueles deportistas de alto rendemento que non dispoñen dos medios suficientes para garantir unha correcta preparación.
Deste xeito, Alexis estará con nós nunha primeira fase ata finais de agosto, data na que Cuba disputará o mundial absoluto e, de ser posible conquerir a colaboración de varias administracións, agardamos poder contar con el de xeito permanente ata os Xogos Olímpicos de Tokio 2020.
Da presencia de Alexis en Vilalba non só se beneficia Cuba como máximo expoñente da loita galega, senón que tamén  da a oportunidade de mellorar as condicións de adestramento dos nosos campións de España das categorías inferiores como Carlos Yobani, Roberto Díaz, Yago López e Ramón Monasterio así como do resto de loitadores da provincia que se achegan a adestrar con nós cada día.
E por suposto, todos aqueles que desexen compartir adestramentos cun dos grandes deste deporte pode vir as nosas instalacións cando o desexe. Estades convidados!

domingo, 11 de xuño de 2017

CARLOS YOBANNI GARCÍA 3º NO XXI TORNEO DO RGCC

O vilalbés Carlos Yobanni García participou con Galicia na competición por equipos do XXI Torneo do Real Grupo Cultural Covadonga de Xixón, e no que o combinado galego rematou no 3º posto despois de 5 enfrontamentos.
O noso deportist, sendo aínda júnior de primeiro ano da categoría de menos de 66 kg,  participou na categoría absoluta en menos de 74 kg gañando todos os enfrontamentos agás contra Carlos Gilabert do Grupo Covadonga e actual campión de España Sub23 da categoría de peso.
Á cita tamén estaban convocados coa selección galega os vilalbeses Yago López e Roberto Díaz que non puideron asistir por motivos académicos.
Antes da competición, os competidores puideron participar nunha xornada de adestramento da man Oscar Sánchez Silva, seleccionador estatal e adestrador do CAR de Madrid que lles amosou algúns dos segredos da modalidade de loita grecorromana.
Noraboa a todos!
MÁS FOTOS

domingo, 28 de maio de 2017

5º NA XORNADA NORTE DE DEPORTE ESCOLAR

Os loitadores das escolas de Vilalba e Rábade remataron no 5º posto da xornada norte da Liga de Deporte Escolar de loitas olímpicas que se celebrou onte pola mañá na Casa do Deporte do Concello de Lugo.
O noso equipo desprazouse cunha pequena representación de 9 deportistas das escolas de Vilalba e de Rábade conformado improvisadamente a última hora o que non impediu que poidésemos disfrutar desta festa do deporte e bo facer dos máis novos.
O combinado estivo formado polos vilalbeses Alonso Maceira, Bruno Pintos, Alex Carballeira, Hector Somoza e Andi Maceira en prebenxamíns e Xiao Seoane en benxamín, e os rabadenses David Abelairas e Jennifer Gómez en benxamín e Lois López en Alevín.
Os loitadores os acompañaron o cadro técnico formado por Marcos Carral, Ramón Monasterio, Carlos Sarita Yobanni e Iván Castro.
Con este posto, o Vilalba-Rábade clasifícase para a Final B da Liga de Deporte Base que se disputará o próximo 17 de Xuño en Vila de Cruces, e para a  que non temos confirmada asistencia aínda debido a que este venres rematou a tempada de adestramentos das escolas deportivas.
Noraboa a tod@s!

domingo, 23 de abril de 2017

TORNEO INTERNACIONAL DE JÓVENES PROMESAS

Tres dos nos deportistas veñen de disputar o Torneo Internacional de Xoves Promesas que se celebrou esta tarde no Pavillón Esperanza Lag de Elche para o que foron convocados pola selección española tras a súa clasificación nos pasados campionatos de España.
O torneo, cita internacional máis importante do estado das categorías previas á absoluta, acolleu a centos de loitadores de diversos países europeos das categorías cadete e júnior.
Yago López acadou o ouro en cadete en menos de 100 kg e a prata na categoría júnior en menos de 97 kg caendo na final ante o loitador de Georgia  Givi Matcharashvili. Carlos Yobanni García acadou a prata en júnior menos de 60 kg tras caer na final ante o georgiano Taimuraz Vanishvili e Roberto Díaz Orosa conformouse co bronce tras loita a repesca ao perder en primeia rolda ante o tamén georgiano Ramaz Turmanidze.
Agora os nosos deportistas permanecerán concentrados coa selección española no CAR Infanta Cristina de San Javier (Murcia) co obxectivo de preparar as próximas citas internacionais.

Noraboa a todos!

domingo, 9 de abril de 2017

LUCENSES NOS CAMPIONATOS DE ESPAÑA ESCOLAR E JUNIOR

Os nosos deportistas veñen de disputar os campionatos de España das categorías escolar e júnior que se celebrou onte pola tarde no Palacio dos deportes de Oviedo e onde colleitaron 4 preseas que se suman ás 4 acadadas o mes pasado nos estatais cadete e sénior.
En categoría escolar Rubén Fraga acadou o bronce en libre olímpica en menos de 73 kg, mentres que Samuel García en menos de 47kg e Martín Pena en menos de 85 kg non tiveron moitas oportunidades de loitar polas medallas clasificándose no  7º e 4º posto respectivamente.
Na categoría júnior os mellores resultados foron as pratas de Yago López en menos de 97kg e Roberto Díaz en menos de 55kg , mentres que Carlos Yobani García fíxose co 3ºposto en menos de 60kg.
O Vilalba acadou o 7º posto por equipos na categoría escolar e o 4º posto en júnior.
O Rábade tamén tivo representación no máximo evento  estatal da categoría júnior, no que Laura Pena en menos de 48 kg acadou un 6º posto e Laura Arias en menos de 55kg o 4º posto, o que lle valeu ao Rábade o 7º posto por equipos.
Varios destes deportistas participarán agora nas concentracións preparatorias dos torneos internacionais clasificatorios para os europeos cadete e júnior.

Noraboa a todos.
VER MÁIS FOTOS

sábado, 25 de marzo de 2017

CUBA FAI HISTORIA CO SEU 13º CAMPIOANTO DE ESPAÑA

Remata a máxima proba estatal das categorías cadete e sénior cunha moi boa participación dos clubs lucenses que desprazaron 8 deportistas á cidade do Lérez e colleitando un total de   sete medallas.
Aínda que todos os lucenses tiveron unha grande participación, parécenos de xustiza resaltar en primeiro lugar a vitoria de José Cuba,  que con este ouro xa son trece veces as que acada o título de campión de España sénior, toda unha fazaña nun deporte tan esixente como o da loita e, dende logo, o mellor xeito de deixar claro aquel “aínda non me retiro” que  exclamou cando regresou á competición a tempada pasada tras da grave lesión no Villa de París que o deixou fóra da loita pola clasificación olímpica.
O vilalbés acadou a vitoria vencendo a todos os rivais por superioridade técnica e sen perder un só punto en toda a competición, unha mostra máis de que está preparado para os principais circuítos internacionais.
Tamén é de resaltar o bronce de Gergana Dimitrova do Rábade en cadete menos de 65 kg, que tras caer en primeira rolda ante a madrileña Rodríguez, acadou o terceiro posto na repesca vencendo á valenciana Ojeda. Sen dúbida unha mostra do gran traballo que Marcos Carral está a facer na escola de Rábade.
O resto de loitadores da provincia tamén tiveron unha grande participación, destacando de entre todos a Yago López do Vilalba que acadou o seu segundo título de campión de España cadete en menos de 100 kg, categoría na que a pesares de non estar moi concorrida amosou unha gran superioridade.
Os tamén vilalbeses Roberto Díaz e Carlos Yobani García acadaron o bronce en menos 57 kg e menos de 61 kg respectivamente. Temos que lembrar que ambos loitadores competiron na categoría sénior sendo aínda júniors de  primeiro ano polo que precisaron unha autorización especial para disputar a categoría. Roberto enfrontouse en primeira rolda ao balear Metrivelli, deportista de orixe georgiano que defendía título tras varias tempadas como número 1 do combinado español. Tras varios combates de repesca puido acadar o terceiro posto tras vencer ao leonés Acosta. Carlos pola súa banda, venceu en primeira rolda ao valenciano Suárez caendo en semifinais ante o catalán Rivera, na repesca tamén acadou o podio tras vencer ao madrileño del Moral.
A festa de presear pechouse co lucense Nicolás Gredilla que tras caer por un erro técnico na final tivo que conformarse cun meritorio segundo posto.
O  escolar Rubén Fraga do Vilalba fíxoselle moito categoría cadete en menos de 69 kg caendo en primeira rolda. Este novo loitador terá unha segunda oportunidade no campionato de España Escolar que terá lugar en Asturias a mediados de abril.

Noraboa a todos e a seguir traballando!

VER MÁIS FOTOS

sábado, 4 de marzo de 2017

A LOITA LUCENSE DOMINA O CAMPIONATO GALEGO DE LOITA

Os clubs de Vilalba e Rábade acaban de dominar o campionato galego de loitas olímpicas que acaban de celebrarse no Pavillón Municipal de Vila de Cruces. As categorías desputadas foron a Escolar e a Júnior, sendo nesta segunda onde os clubs lucenses coparon os primeiros postos na clasificación por clubs en tódalas modalidades olímpicas. En concreto, o Vilalba acadou o primeiro posto por equipos tanto en libre olímpica como en grecorromana mentras que o Rábade fixo o mesmo na modalidade de libre feminina.
Vilalba tamén participou cun equipo escolar co que se clasificou no 4º posto por equipos.
As clasificacións individuais non foron menos espectaculares xa que viñeron un total de 17 medallas para a nosa provincia entre as categorías júnior e escolar; 12 delas para o Vilalba das que 10 foron ouros e dúas pratas e 5 para o Rábade, das cales 2 foron ouros, outras tantas foron pratas e 1 bronce.
Os resultados dos vilalbeses na categoría júnior foron:

  • Ramón Monasterio: ouro en libre olímpica e ouro en grecorromana en menos de 125 kg.
  • Yago López: ouro en libre olímpica e ouro en grecorromana en menos de 96 kg,
  • Caique de Meneces: ouro en grecorromana en menos de 74 kg.
  • Carlos Yobani García: Ouro en libre olímpica e prata en grecorromana en menos de 66 kg.
  • Roberto Díaz: ouro en libre olímpica e ouro en grecorromana en menos en menos de 60 kg.
Na categoría escolar:
  • Martín Pena: ouro en libre olímpica en menos de 85 kg.
  • Rubén Fraga: prata en libre olímpia en menos de 73 kg.
  • Francisco Salvador: 4º posto en libre olímpica en menos de 53 kg.
  • Samuel García: ouro en libre olímpica en menos de 42 kg.
A clasificación individual do Rábade dirixido por Marcos Carral foi:
  • Laura Arias: ouro en libre feminina en menos de 55 kg.
  • Gergana Dimitrova: prata en libre feminina en menos de 69 kg.
  • Laura Pena: Ouro en libre feminina en menos de 48 kg.
  • Jonathan Pernas: Bronce en libre olímpica e pratae en grecorromana en menos de 74 kg.
Deste xeito, a nosa provincia terá unha importante representación nos campionatos de España de tódalas modalidades e categorías de idade. O Vilalba acada así primeiros postos por equipos en tódalas categorías de idade e o Rábade se consolida, xunto co Keltoi de Vila de Cruces e o Pontevedra como un dos referentes da loita feminina.
Agora comezamos a preparación dos próximos campionatos de España cadete e sénior que se disputarán a finais de marzo en Pontevedra e onde tentaremos colocar a varios vilalbeses no circuito internacional.
Norabao a todos e a seguir traballando

VER MÁIS FOTOS

sábado, 18 de febreiro de 2017

DÚAS PRATAS PARA VILALBA E UNHA PARA LUGO NO ESTATAL SUB23

Pavillón Exterior do CSD. Madrid. 18.02.2017
A participación lucense nos campionatos de España Sub23 remata con tres pratas e un 7º posto. Os vilalbeses Ramón Monasterio e Roberto Díaz en menos de 97 e 51 kg na modalidade de libre olímpica e o lucense Nicolás López en grecorromana menos de 130 kg acadaron as súas respectivas pratas tras unha dura xornada de competición. A baixa inscrición na maioría das categorías provocou que moitas delas se disputasen co sistema nórdico no todos os deportistas da categoría se enfrontan entre eles, resultando nun gran número de combates para cada deportista. Así, tanto Ramón como Roberto fixéronse coa prata tras vencer en combates e perder un, o primeiro ante o andaluz Rama e Roberto ante o tamén andaluz  Corona, ámbolos dous vencedores das súas categorías.
Nicolás López do Lugo, que tamén disputou un sistema nórdico, acadou a prata tras gañar dous enfrontamentos e perder só ante o catalán Abelouad.
Pola súa banda, Carlos Yobani García non tivo o seu día rematando 7º na categoría de menos de 61 kg. Lembremos que tanto Carlos como Roberto son aínda júniors de primeiro ano sendo esta unha categoría por encima da súa polo que a súa participación foi moi meritoria, especialmente a de Roberto que con esta prata acada un historial deportivo poco habitual nun deportista tan novo.
En canto á participación galega destacar o segundo posto en loita feminina da selección galega e o segundo posto do Club Keltoi de Vila de Cruces en loita feminina.
En canto aos nosos deportistas comezaremos agora a preparar a súa participación no próximo galego júnior e os estatais júnior e sénior, onde agardamos ter unha maior representación vilalbesa.
Parabéns a todos e a seguir mellorando

domingo, 12 de febreiro de 2017

VILALBA CAMPIONA GALEGA SENIOR e SUBCAMPIONA CADETE


Esta fin de semana celebráronse no pavillón do CGTD de Pontevedra os campionatos galegos de loitas olímpicas das categorías Sénior e Cadete onde os clubs lucenses tiveron de novo unha importante presenza no reparto de preseas. Principalmente o Vilalba, que con 11 ouros,3 pratas e 3 bronces acadou o primeiro posto por equipos na categoría sénior libre olímpica e os segundo posto na modalidade de grecorromana así como en cadete libre olímpica. O Rábade, que tamén tivo unha colleita dun Ouro, 4 pratas e 1 bronce subiu ao podio cun 3º posto por equipos en loita feminina cadete. Tamén o Lugo obtivo 3 pratas, aínda que non foron suficientes para meterse entre os primeiros na clasificación por clubs.
O resultado dos vilalbeses foron os seguintes:
Na categoría Sénior:
José Cuba; ouro en libre olímpica menos de 125kg e ouro en grecorromana menos de 130kg.
Ramón Monasterio:Ouro e libre olímpica menos de 97 kg e ouro en grecorromana menos de 98kg.
Carlos Sarita Yobanni García: Ouro en libre Olímpica menos de 65 kg e bronce en grecorromana menos de 66 kg.
Roberto Díaz Orosa, ouro en libre olímpica menos de 61 kg e ouro en grecorromana menos de 59 kg.
Adrián Imedio: prata en grecorromana menos de 59 kg e ouro en libre olímpica en menos de 57 kg.
Destacar que Ramón, Carlos e Roberto son aínda loitadores da categoría júnior, en particular Carlos e Roberto júniors de primeiro ano.
Na categoría Cadete:
Yago López Fernández: Ouro en libre olímpica e ouro en grecorromana en menos de 100kg.
Martín Pena Lama: Bronce en libre olímpica menos de 76kg.
Rubén Fraga Cal: prata en libre olímpica en menos de 69 kg.
Angel Rodríguez Fernández: prata en libre olímpica menos de 54 kg.
Francisco Salvador Buceta: bronce en libre olímpica menos de 54 kg.
Samuel García Miragaya: ouro en libre olímpica en menos de 42 kg.
Igualmente destacar a mocidade do equipo, pois Rubén, Martín, Francisco e Samuel precisaron autorizacións paternas para poder participar na categoría ao ser aínda escolares de primeiro ano. Por este motivo, Samuel no poderá disputar o campionato de España cadete ao non ter aínda a idade mínima.
Por parte do Rábade as clasificacións individuais foron:
Na categoría Sénior:
Martín Vázquez; prata en grecorromana 98kg.
Jonatan Pernas; bronce en libre olímpica menos de 70 kg.
Cristian Pena; cuarto en libre olímpica menos de 65 kg.
Laura Pena; prata en libre feminina menos de 48 kg.
Laura Arias; prata en libre feminina menos de 53 kg.
En cadete:
Gergana Dimitrova; ouro en libre feminina en menos de 65 kg.
Sonia Roa; prata en libre feminina en menos de 65 kg.
Destacar o ouro de Gergana que fan desta discípula de Marcos Carral unha das favoritas para acadar o título de campiona de España.
Pola súa banda o Lugo dirixido por Pablo Pintos acadou os seguintes resultados na categoría sénior:
Nicolás López: prata en libre olímpica en menos de 125 kg e prata en libre olímpica en menos de 130 kg.
Clemente Alves: prata en grecorromana en menos de 66 kg.
Parabéns a todos e agora a preparar os próximos campionatos de España!.
VER MÁIS FOTOS