sábado, 18 de febreiro de 2017

DÚAS PRATAS PARA VILALBA E UNHA PARA LUGO NO ESTATAL SUB23

Pavillón Exterior do CSD. Madrid. 18.02.2017
A participación lucense nos campionatos de España Sub23 remata con tres pratas e un 7º posto. Os vilalbeses Ramón Monasterio e Roberto Díaz en menos de 97 e 51 kg na modalidade de libre olímpica e o lucense Nicolás López en grecorromana menos de 130 kg acadaron as súas respectivas pratas tras unha dura xornada de competición. A baixa inscrición na maioría das categorías provocou que moitas delas se disputasen co sistema nórdico no todos os deportistas da categoría se enfrontan entre eles, resultando nun gran número de combates para cada deportista. Así, tanto Ramón como Roberto fixéronse coa prata tras vencer en combates e perder un, o primeiro ante o andaluz Rama e Roberto ante o tamén andaluz  Corona, ámbolos dous vencedores das súas categorías.
Nicolás López do Lugo, que tamén disputou un sistema nórdico, acadou a prata tras gañar dous enfrontamentos e perder só ante o catalán Abelouad.
Pola súa banda, Carlos Yobani García non tivo o seu día rematando 7º na categoría de menos de 61 kg. Lembremos que tanto Carlos como Roberto son aínda júniors de primeiro ano sendo esta unha categoría por encima da súa polo que a súa participación foi moi meritoria, especialmente a de Roberto que con esta prata acada un historial deportivo poco habitual nun deportista tan novo.
En canto á participación galega destacar o segundo posto en loita feminina da selección galega e o segundo posto do Club Keltoi de Vila de Cruces en loita feminina.
En canto aos nosos deportistas comezaremos agora a preparar a súa participación no próximo galego júnior e os estatais júnior e sénior, onde agardamos ter unha maior representación vilalbesa.
Parabéns a todos e a seguir mellorando

Ningún comentario: