sábado, 25 de marzo de 2017

CUBA FAI HISTORIA CO SEU 13º CAMPIOANTO DE ESPAÑA

Remata a máxima proba estatal das categorías cadete e sénior cunha moi boa participación dos clubs lucenses que desprazaron 8 deportistas á cidade do Lérez e colleitando un total de   sete medallas.
Aínda que todos os lucenses tiveron unha grande participación, parécenos de xustiza resaltar en primeiro lugar a vitoria de José Cuba,  que con este ouro xa son trece veces as que acada o título de campión de España sénior, toda unha fazaña nun deporte tan esixente como o da loita e, dende logo, o mellor xeito de deixar claro aquel “aínda non me retiro” que  exclamou cando regresou á competición a tempada pasada tras da grave lesión no Villa de París que o deixou fóra da loita pola clasificación olímpica.
O vilalbés acadou a vitoria vencendo a todos os rivais por superioridade técnica e sen perder un só punto en toda a competición, unha mostra máis de que está preparado para os principais circuítos internacionais.
Tamén é de resaltar o bronce de Gergana Dimitrova do Rábade en cadete menos de 65 kg, que tras caer en primeira rolda ante a madrileña Rodríguez, acadou o terceiro posto na repesca vencendo á valenciana Ojeda. Sen dúbida unha mostra do gran traballo que Marcos Carral está a facer na escola de Rábade.
O resto de loitadores da provincia tamén tiveron unha grande participación, destacando de entre todos a Yago López do Vilalba que acadou o seu segundo título de campión de España cadete en menos de 100 kg, categoría na que a pesares de non estar moi concorrida amosou unha gran superioridade.
Os tamén vilalbeses Roberto Díaz e Carlos Yobani García acadaron o bronce en menos 57 kg e menos de 61 kg respectivamente. Temos que lembrar que ambos loitadores competiron na categoría sénior sendo aínda júniors de  primeiro ano polo que precisaron unha autorización especial para disputar a categoría. Roberto enfrontouse en primeira rolda ao balear Metrivelli, deportista de orixe georgiano que defendía título tras varias tempadas como número 1 do combinado español. Tras varios combates de repesca puido acadar o terceiro posto tras vencer ao leonés Acosta. Carlos pola súa banda, venceu en primeira rolda ao valenciano Suárez caendo en semifinais ante o catalán Rivera, na repesca tamén acadou o podio tras vencer ao madrileño del Moral.
A festa de presear pechouse co lucense Nicolás Gredilla que tras caer por un erro técnico na final tivo que conformarse cun meritorio segundo posto.
O  escolar Rubén Fraga do Vilalba fíxoselle moito categoría cadete en menos de 69 kg caendo en primeira rolda. Este novo loitador terá unha segunda oportunidade no campionato de España Escolar que terá lugar en Asturias a mediados de abril.

Noraboa a todos e a seguir traballando!

VER MÁIS FOTOS

Ningún comentario: