martes, 4 de xullo de 2017

UN CAMPIÓN DO MUNDO EN VILALBA


O cubano Alexis Rodríguez Valera será o responsable da preparación de José Cuba de cara ao próximo Campionato do Mundo que se celebrará en París o próximo agosto. O campión mundial e bronce nos Xogos de Sydney recala de novo en Vilalba para repetir como sparring e adestrador dos varios deportistas que temos nas diferentes categorías das seleccións españolas.
O principal obxectivo desta tempada é o mundial de París, cita á que o vilalbés José Cuba quere chegar en plena forma tras a recuperación dunha grave lesión que o afastou de loitar pola clasificación para Río 2016 e que será clave para amosar aos seleccinadores estatais as súas posibilidades de clasificarse para Tokio 2020. É por iso que dende o club decidimos adicar gran parte do noso presuposto en mellorar as condicións de adestramento daqueles deportistas de alto rendemento que non dispoñen dos medios suficientes para garantir unha correcta preparación.
Deste xeito, Alexis estará con nós nunha primeira fase ata finais de agosto, data na que Cuba disputará o mundial absoluto e, de ser posible conquerir a colaboración de varias administracións, agardamos poder contar con el de xeito permanente ata os Xogos Olímpicos de Tokio 2020.
Da presencia de Alexis en Vilalba non só se beneficia Cuba como máximo expoñente da loita galega, senón que tamén  da a oportunidade de mellorar as condicións de adestramento dos nosos campións de España das categorías inferiores como Carlos Yobani, Roberto Díaz, Yago López e Ramón Monasterio así como do resto de loitadores da provincia que se achegan a adestrar con nós cada día.
E por suposto, todos aqueles que desexen compartir adestramentos cun dos grandes deste deporte pode vir as nosas instalacións cando o desexe. Estades convidados!

Ningún comentario: