sábado, 7 de abril de 2018

GERGANA DIMITROVA PLATA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB23

Esta fin de semana ven de celebrarse en Madrid o campionato de España de loitas olímpicas da categoría Sub23 no que tivemos a representación de 4 dos nosos loitadores lucenses. O máis salientable deles a prata da rabadense Gergana Dimitrova en libre feminina en menos de 68 kg. A deportista ás ordes de Marcos Carral acada o segundo metal para o Rábade nun estatal feminino despois do bronce acadado por Laura Arias no campionato de España sénior. Os resultados do Rábade xunto coa participación de cada vez máis nenas nas categorías de base das escolas de Vilalba e Xermade é un sinal do asentamento da loita feminina na provincia.
Tamén do Rábade contamos coa presenza de Jonathan Pernas, que en menos de 79 kg non tivo posibilidades de loitas polas medallas.
Do Vilalba temos que destacar o bronce de Adrián Imedio en menos de 57
kg e  o quinto posto de Roberto Díaz Orosa en menos de 65 kg.
A nota negativa a puxo a lesión sufrida o pasado martes por Carlos Yobani García, o que lle impediu participar en menos de 70 kg, categoría na que partía como favorito e coa que contaba sumarlle outro ouro ao acadado hai unhas semanas no júnior. Ao final a categoría a dominou outro galego, Rafael Álvares do San Ignacio de Vigo, amigo e compeñeiro de Carlos que na pasada semana tamén adestrou en Vilalba co obxectivo de ultimar a súa preparación para o Campionato de España.
Noraboa a todos e dun xeito especial a Gergana e Marcos Carral por seguir abrindo o camiño da loita feminina lucense!

Ningún comentario: